Mostra de cartas a Gamallo e artigos do autor do Caurel

La Voz RIBADAEO/LA VOZ |

A MARIÑA

14 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Durante toda a semana que vén poderase visitar no IES Dionisio Gamallo Fierros de Ribadeo unha exposición dedicada a Uxío Novoneyra, elaborada a partir do material do arquivo de Dionisio Gamallo Fierros. Na mostra inclúense cartas dirixidas por Novoneyra a Gamallo, dedicatorias, artigos de prensa, poemas soltos en galego e castelán [algúns deles manuscritos e varios inéditos] e outros documentos de valor, que axudan a coñecer e entender a figura do autor do Caurel.

Entre as pezas que compoñen a exposición destaca a versión íntegra do libro Desde las cosas, un poemario escrito en castelán entre marzo de 1950 e xaneiro de 1951, do que só viron a luz un par de poemas. Hai notas autobiográficas de Novoneyra, escritas para a súa presentación con motivo dun recital no Centro Galego de Madrid, en 1952, con datos familiares curiosos. Nelas conta que daquela estudiaba Cine para dirixir o seu guión de Ese hombre . Na exposición amósase, ademais, a versión mecanografada da carta-prólogo que Ramón Piñeiro redactou para Os Eidos . Como exemplo do que os visitantes van poder descubrir nesta singular e interesante exposición, figura esta dedicatoria: «Pró meu querido amigo Gamallo, de quen eu sentía amparo na miña chegada a Madrid, aló no ano 1949-50, e que me deu azos para seguir a miña entón recenta vocación literaria». Está aberta a todos.