«Sempre me gustou tocar, se non había onde montaba eu algún grupiño»

A MARIÑA

Toca, canta, compón e escribe cancións. E botou dous anos investigando sobre a rica tradición da música de Mondoñedo

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Chámalle O meu recunchiño e alí garda a memoria, os poemas, os debuxos, as cancións, as fotos e ata os libros. Moncho García González (Mondoñedo, 1960) estudiou enxeñería electrónica na universidade de Eibar e traballa no equipo de deseño gráfico de Muebles Hermida, en Lourenzá. Pero o seu é a música. «Empecei a tocar a guitarra aos 16 anos, con David Loureiro, daquel famoso trío Os Trovadores de Mondoñedo, despois fun autodidacto, músico de oído». A guitarra regaláranlla seus pais ao aprobar o Bacharelato. «Cando puiden xa me pasei á acústica», outro agasallo dos pais, ao rematar o primeiro ano da carreira.

«En Eibar tocabamos de todo, onde había algo metíame e se non había montaba algún grupiño», como o Pachanga Show, de canción sudamericana, co que descubriu «os segredos da frauta doce». Ou o rock de Fabada. Actuaban nos festivais universitarios. De volta en Mondoñedo, arrancou co folk. E xa nunca o deixou. Daquela, nos anos oitenta, viviuse unha explosión da música tradicional e Moncho participou activamente daquel movemento, na agrupación Vallibria, en Latexos ou Vento. Foi aparcando a guitarra, decantándose pola gaita, e viñeron os premios, en 1986. Con Nós, de canción galega, levaron o segundo no Cancioneiro das San Lucas; o primeiro nos festivais de Palmeiro, en Xove, e Castroverde.

En Sol-pór da Mariña con Uxía

Lembra que da primeira etapa do Cancioneiro das San Lucas saíra Fuxan os Ventos, cando gañara, en 1976. «No 86 recuperouse o certame e montamos o grupo Nós porque non podiamos perder aquela oportunidade», conta. «Gustabame tirar da xente para ensaiar e crear pezas». No festival das San Lucas coñeceu a Uxía, hoxe voz de Marful, e acabáronse xuntando «tres de Mondoñedo, dous de Vilaronte, unha rapaza de Foz, un rapaz de San Cosme de Barreiros e Fran, de Ribadeo». Naceu Sol-pór da Mariña e viñeron máis premios, actuacións por toda a comarca e gravacións para a televisión.

«Profesionalmente nunca o pensei, sempre foi un hobby , despois casei e empecei a traballar en Hermida [antes estivera de mestre de electrónica na escola-taller de Mondoñedo e de celador no ambulatorio de Ribadeo]. Se iso tería estudiado para funcionario», ri. Que nunca falte a música. Moncho deu clases de gaita e tamboril e tocou no grupo Xistra, de Viveiro; tamén pertenceu ao trío Acordes, formou o grupo Bahía [con seu irmán Zalo e con Lino, hoxe no conservatorio de Viveiro] e retornou ao folk con Kontranoite, de Lourenzá. Cando xa levaba case media vida entre acordes deulle por aprender solfeo e clarinete, na Escola de Música de Mondoñedo. «Era unha asignatura pendente». Compón letras e música, pero defínese coma afeccionado. «Dende que empezas xa non podes parar».

El non bota o freo, anque o tempo chega a pouco. «Ultimamente estaba coa charanga Manca na Cheda, pero abandoneino un pouco porque non daba feito». O fillo, Anxo, herdou o oído do pai. «Comezou co violín, deulle algo á guitarra, ten un oído impresionante, tiña trazas pero nunca se amarrou. Inflúe moito a xente que teñas arredor, eu tenteino, pero non é o mesmo, son seu pai». Anda nunha charanga de xente nova, Aires do Padornelo. É o tamborileiro.

Un punteo de Santana, de oído

«Se tes bo oído é fácil, simplemente hai que saír buscar, primeiro co casete, adiante e atrás. Dios mío se empezara hoxe, pufff..., co ordenador». Coa informática todo parece máis doado. «Primeiro cántala, tarareala e despois escribes o que tes na cabeza..., antes gravavala no casete e para quitar un punteo de Santana pasabas 15 minutos, co casete adiante e atrás. Guíome polo instrumento, o oído é o máis importante, un músico sen oído non é tal, unha partitura é mecánica e á música hai que darlle algo máis, iso está dentro do que toca». En O son dunha gaita á beira do Masma recompila 40 partituras propias. Ten máis libros. A música en Mondoñedo , feito en colaboración con Andrés García Doural, a historia da cidade a través da música.

«Deume a oportunidade de facerme con fotos antigas das orquestras de Mondoñedo, da época de meu pai. Hai que ver que poses». Os Trovadores, Melodías del Jazz, Royalty Melodías ou Los Royal. Na procura da historia musical deron tamén cunha gaita co punteiro de prata, igual que dúas pezas do ronco, propiedade dun xoieiro local, Augusto Insua. Outro valioso achado. Tamén escribiu Manual de afinación para gaita .

Moncho lévase ben coas tecnoloxías e defende internet para a difusión da música. Tamén manexa con certa soltura a pequena cámara dixital e despois retoca os ceos neboentos. O seu é crear a partir de sons e trazos espallados por dentro. Tecleando no navegador da rede http://recunchinho.mywebcommunity.org chégase ao recunchiño de Moncho. Paga a pena.