Segundo a Real Academia Galega, o Antroido ou Entroido (do latín Introitus ou Introitulus) é unha festa de carácter pagán, con orixes incertas, e con moitas variedades locais por toda Galiza, que se celebra antes da Coresma. Na Mariña, o Antroido ten parte de tradicional, e moito de Carnaval, entendido este como a institucionalización do primeiro, e como unha resposta urbana, contemporánea e "profesionalizada" ás tradicións máis antigas, espontáneas e orgánicas da festa de Don Carnal. Co paso dos anos, os chamados "desfiles" de Entroido, fóronse estendendo por todo o país, e a comarca non queda allea a este fenómeno; así, dende as principais vilas ata as parroquias máis pequenas, teñen o seu grande ou pequeno desfile.
É bo que as inquedanzas culturais das persoas se manifesten tamén no Entroido; e é que hai xente que ten moi boas ideas, e colaboran co seu impecable quefacer no realce destas festas tan divertidas e nas que todo vale. Nas vilas máis grandes da Mariña, o asociacionismo, que tan importante é para a vida en sociedade, fíxose presente tamén nesta época do ano, e xurdiron asociacións, ou seccións dentro doutras asociacións que realzan os desfiles con coplas, murgas, música, bailes, e incluso "performances". Son os grupos, comparsas, e charangas, que dito sexa tamén de paso, non son a mesma cousa [...]. Estas asociacións musicais destacan pola cor dos seus traxes, a coreografía, e a música que fan, ben sexa con cazos ou con instrumentos reais (aquí radica a diferenza entre comparsas e charangas), entendidos estes últimos como instrumentos de vento, xa que por unanimidade popular, inclúense os instrumentos de percusión no ámbito das comparsas, como un estrano prexuizo desta familia instrumental...
O bo sería que nas festas, e máis aínda nestas con este carácter tan de "vale tudo", cada un se divertise da forma que lle dese a gana, aténdose só aos límites onde comezan os propios dereitos de desfrutar e/ou a intimidade do próximo; ou o que é o mesmo, deixando agromar todos os sentimentos e inquedanzas particulares ata a súa máxima expresión, mais nunca rebasando o punto de ferir as sensibilidades dos particulares ou colectivos. Non sei por que, as ansias de pasalo ben, tórnanse competitividade. A todos nos gusta que valoren o noso traballo, e é que o home e a muller senten, por natureza e por instinto, rexeitamento cando se lle critica algo ou cando se lle xulga pexorativamente un procedemento, actitude ou traballo. O que é lamentable é que primen estes intereses sobre os primeiros; a competitividade fronte á unidade e o querer pasalo ben todos xuntos. E é que o sentimento máis latente, para os que seguen esta filosofía é a de Homo Hominis Lupus ..., algo vergoñoso, posto que difire totalmente do verdadeiro espírito desta festa.
As comisións organizadoras dos Antroidos, establecen as súas bases para se anotar e para valora-las diferentes actuacións das charangas e comparsas; e é certo que ás veces teñen erros, máis tamén estes son propios da condición humana. É de xustiza dicir que o Antroido de Vilanova de Lourenzá preocúpase moito á hora de valora-lo traballo de nós os antroideiros. Outra cousa é se sabemos transmitir ben o noso quefacer artístico, ou se eles están capacitados para entendelo, pois ben, non é o mesmo dito sexa de paso, tocar a trompeta que tocar unha "turuta" [...]. O problema reside nas propias asociacións, as cales toman o quedar nun ou noutro posto como unha ofensa, e é que subxacen envexas, carraxes, competitividades insanas, e animadversións que nada teñen que ver co espírito destas festas...
En síntese, que a quen lle sente mal, está no seu dereito máis lexítimo, e está libre de recuncar se non é de seu agrado o caldo; mais que sexa consecuente co seu criterio e co seu prisma de ve-las cousas, xa que ás veces son as propias asociacións as que poñen condicionantes ás comisións organizadoras dos desfiles, ameazando con non asistir; algo que unha comisión inexperta acepta, para risa moitas veces doutras asociacións que teñen o único interese do Antroido polo Antroido... ou o que é o mesmo, que moitas veces fala de algo quen menos ten que falar... Por tanto, quen goste da festa, que participe nela, mais que deixen as rivalidades e as esixencias na casa... En fin, Ata o ano!!!! Porque eu para o ano, volvo...!!! A.G., un musico e antroideiro burelao.