O curso de Burela abordou as políticas locais sobre inmigración dos concellos

M.???A.

A MARIÑA

16 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O curso de verán sobre a inmigración que se está celebrando esta semana en Burela, baixo a organización da Universidade de Santiago e en colaboración co Concello burelense e do IES Monte Castelo, abordou onte a análise das experiencias de tres concellos galegos na xestión da inmigración na Administración local.

Alfredo Llano, alcalde burelense, explicou que se escolleran os municipios de Burela, Arteixo e Ames, porque «son tres concellos nos que o peso da poboación inmigrante é importante, xa que representa entre un 10 e un 15% da mesma», confirmou.

O rexidor burelense, a alcaldesa de Arteixo, Pilar Souto, e Carlos Antonio Fernández, alcalde de Ames e á súa vez presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, expuxeron a súa visión e explicaron «os programas e políticas de integración que estamos levando a cabo para afrontar a realidade social que nos tocou vivir, tendo en conta a proximidade que a Administración local ten coa xente», indicou Fernández.

As tres posturas presentadas polos rexidores foron moi similares e do debate que se produciu logo, no que os alumnos do curso foron parte activa, puideron tirarse unha serie de conclusións moi interesantes para continuar co traballo xa realizado.

A primeira delas foi que «os concellos están dando unha resposta moi boa e próxima aos problemas derivados da integración dos inmigrantes», confirmou o alcalde de Ames, aínda que Pilar Souto tamén afirmou que «queda moito traballo por facer».

Igualmente, Llano manifestou que «a inmigración é un indicativo económico que nos fai ver que os nosos pobos teñen algo que ofrecer e son puxantes, ao tempo que a chegada de estranxeiros é moi enriquecedor culturalmente. Finalmente, todos coincidiron en lamentar que «os concellos precisamos de máis dotación económica».