«Palabra de vós, os devanceiros deles; Memoria dos que se foron; e arte e sensibilidade nas mans, nos ollos e no corazón de Pepa Losada». Así resumiu Cristina Loureiro, a coordinadora do equipo de Innovación Educativa do IES Perdouro o contido da mostra que onte foi inaugurada na igrexa parroquial, e na que se recollen imaxes da fotoperiodista de La Voz, Pepa Losada, coas lápidas dos cemiterios locais nas que os epitafios están escritos en galego. O traballo gráfico plasma a súa vez o recolllido polos estudantes dentro do Modelo Burela de Planificación Lingüística.
O párroco, Ramón Marful, dixo que algunhas das lápidas «portan palabras e frases que revelan os nobres sentimentos dos máis achegados. Suxiren pensamentos de cariño, de fe de esperanza». Marful subliñou o traballo do profesor Bernardo Penabade, do cinematógrafo Matías Nicieza e de Pepa Losada «con pensamentos exquisitos na nosa lingua nai».