A Festa da Marosa ateigou Burela de xente con gañas de troula

La Voz

A MARIÑA

17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A edición 12+1 da Festa da Marosa ateigou Burela de xente con gañas de troula. A celebración comezou o venres, cun taller, música, teatro e a foliada do norte. Dende a organización queren agradecer a actuación da Banda Municipal de Música de Burela, «sobre todo aos máis pequerrechos, que foron os que abriron o festival, o venres á noite, na praza da Mariña». Os pequenos subiron ao palco e tocaron, despois da estrea da peza composta por Edelmiro Fernández para o festival, nun acto simbólico que tivo lugar na praia da Marosa.

Onte os primeiros protagonistas tamén foron os pequechos, coas actividades na praza; logo veu o ritmo dos Festicultuores, sen que importara a chuvia; e o xantar de cuadrillas. O encontro gastronómico congregou en torno ao cocido pataqueiro a 270 persoas. E logo veu o obradoira de baile Seica Báila-lo Suelto, dirixido por Chus da Bandeira, unha magnífica dinamizadora dos nenos, que brincaron nos exteriores da Casa da Cultura da localidade.

Para a noite estaba previsto o gran festival, con tres estreas de luzo. O grupo mariñán Clan Maragato ocupaba o primeiro lugar na lista; seguido de Luar na Lubre, que tiña programado presentar o seu novo traballo, Ao vivo; y Galegoz, co seu segundo traballo discográfico, Viñeron da Galiza inteiror, fresquiño. E non podía faltar, neste ambiente de festa, a queimada, con Mon como mestre de cerimonias. Parece que esta edición tan especial da Festa da Marosa, a 12+1, cumpriu as mellores expectativas e deixou gañas de repetir.