«Hai pan, queixo e viño de todo o norte español nesta feira de Ribadeo»

A MARIÑA

Ribadeo acolle dende hoxe ata o domingo esta nova feira que pretende promocionar as vilas da ruta xacobea e os seus produtos máis senlleiros

30 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe ás seis da tarde inaugúrase no parque de San Francisco en Ribadeo a feira Con Queixo, Pan e Viño, Ven ó Camiño, cita promovida conxuntamente polas fundacións comarcais de A Mariña Central e Oriental, que levan respectivamente como xerentes Manuel Valín e Azucena González, en colaboración co Concello ribadense.

-¿Como xurdiu a idea de organizar esta feira?

-Entra dentro dun proxecto máis amplo, as feiras do Camiño Norte. É unha banqueta con tres pés: a feira de artesáns que xa se fixo en Mondoñedo no 2008, o segundo pé a feira Con Queixo, Pan e Viño en Ribadeo, de tema gastronómico, e o terceiro, unha feira da horta que faremos máis en diante. Preténdese que sexan anuais as tres e que se celebren no ano, ademais de facelas rodar polas principais vilas do Camiño Norte. Pretendemos que non quede nunha soa edición e perseguimos varias cousas: promocionar o Camiño de Santiago, neste caso o Camiño Norte, e en segundo lugar a través de varias actividades tratar de contribuír ao traballo de dinamización socioeconómica e cultural que se fan nos concellos a través das fundacións comarcais. É moi habitual o traballo conxunto de fundacións. Temos feitas actividades coa fundación da Terra Chá, coa que xa organizamos un cumio do Camiño Norte no 2004 en Vilalba.

-En canto a esta feira ribadense, ¿como vai ser?

-O recinto ten 90 módulos de dous por dous e está abarrotado. Cheo total. Ten 1.300 metros cadrados o recinto feiral. O primeiro día abre pola tarde de seis a nove e o resto de días de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30, ata o domingo. A ponte de maio hai que aproveitala a tope. Hai queixo, pan e viño de Galicia, Asturias, Cantabria, Castela e León, Navarra, Pais Vasco... practicamente todo o norte. Vai haber presenza de consellos reguladores, que non van vender senón a promocionar o produto. Trátase de exposición, degustación e venda. Outra cousa importante é que vai haber catas programadas e comentadas, a través das bodegas e consellos. Recheamos o programa para que a xente, nese afán de dinamizar o territorio, teña unha programación musical. Hai verbenas o día 30 (por hoxe) e o día 1 para que o público poida quedar mellor en Ribadeo e disfrutar da noite.

-¿Por que se pensou no pan, queixo e viño?

-Porque os hai en todas as comunidades autónomas polas que pasa o Camiño. Son comúns pero é a variedade a que lle da a importancia.

-¿Cantos expositores son?

-Veñen máis de 60 entidades.

-¿E que autoridades van acudir á apertura hoxe?

-Vai estar presente a Deputación a través do responsable da área de Cultura Antón Veiga, o alcalde de Ribadeo e os representantes das fundacións comarcais. Tamén esperamos que veña algún representante da nova Xunta de Galicia.

A feira abre hoxe, lembren, ás seis da tarde.