«Ao PP moléstalle moito que veñamos pola costa de Lugo; pois vaise cansar de vernos aquí»

La Voz

A MARIÑA

«Para nós A Mariña forma parte do proxecto da provincia. Cando chegamos ao goberno da Deputación había certo abandono de cara a esta comarca, pero nós dende o primeiro momento fixemos un cambio na liña de inversión para poñer A Mariña no lugar que merece. So por poboación A Mariña ten que pesar moito na provincia, e por iso era fundamental reactivar a rede de parques provinciais, con Barreiros e Viveiro. O que hoxe se ve en Barreiros é un caixón que non serve para nada, pero estamos á espera de que o Concello nos dea a licenza para entrar nel e amañalo cunha inversión de 30.000 euros. Empezaremos por Barreiros, seguiremos por Viveiro, despois iremos a Monforte, Sarria, Chantada e probablemente no 2009 ou principios do 2010 a rede de parques estará despregada. Pero como a Deputación, a Xunta tamén cumpre. De feito o Consello da Xunta aprobou o consorcio, co que garante a inversión de 9 millóns de euros para poñer en marcha toda a rede de parques, incluídos os de Viveiro e Barreiros. E despois todos os anos Deputación e Xunta van ter que destinar más de tres millóns para manter a rede», di Besteiro.

-Falando de inversións. ¿Qué hai da estrada da costa entre Ribadeo e Barreiros? O PP acusa á Deputación de tela parada.

-Ao PP moléstalle moito que veñamos pola Mariña. E vanse cansar de vernos aquí, porque imos vir con obras e proxectos. As intervencións da Deputación están moi relacionadas, no caso de Barreiros con que se adecúe o plan xeral. Por exemplo, hai que ver se esta estrada a fai a Deputación ou, por exemplo, non futuro plan se pon que se faga con cesións de quen van desenvolver esa zona.

-A Mariña non é logo a gran esquecida de Lugo.

-Non é casual que a vicepresidenta segunda sexa Lara Méndez. Na folla de ruta da Deputación, A Mariña representa un papel moi importante. Nós calculamos que a estas alturas levamos invertidos 16 millóns de euros nesta comarca.