«O Pastor Díaz foi a miña primeira escola, aí fíxenme espectador»

Y. García

A MARIÑA

A compañía trae mañá, sábado, ás 20.30, ao teatro viveirense a obra «Medidas preventivas» na que tres actores interpretan quince personaxes

12 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A compañía Áncora Produccións trae mañá, sábado, a Viveiro ás 20.30 horas (entrada normal 5 euros e bonificada 3) a obra Medidas Preventivas, cuxo autor e director é Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959), irmán de Miguel Pernas que tamén se dedicou ao teatro e primo do escritor Ramón Pernas. Leva dende A Coruña o grupo teatral xunto con Ánxela G. Abalo, que mañá se subirá ao escenario do teatro Pastor Díaz xunto aos actores Vicente Souza e Xosé Bonome para interpretar a obra.

-¿De que trata «Medidas preventivas»?

-Son cinco pezas breves e tres actores que interpretan a 15 personaxes. É un espectáculo con humor a veces ácido, outras negro, sobre diferentes situacións da realidade. É unha mirada irónica e crítica sobre comportamentos sociais actuais e crítica tamén a certas medidas que se nos venden como seguridade para o cidadán pero que agochan en realidade falla de liberdades ou exercizo por parte do poder do medo. Fala dun mundo cheo de desconfianza social, no que se fai ao cidadán un presunto culpable en vez do que debe ser, un home libre.

-¿Que se vai atopar o público nesta interpretación? ¿Identificarase con algunha das historias que recolle?

-Como son cinco historias diferentes unidas nese fío condutor haberá quen se sinta identificado con algunha. Hai xente que nos comenta ao final dunha obra que chegou a conmoverse. Aquí falamos de medidas preventivas e facemos ao final unha homenaxe á memoria histórica, tratamos a medida preventiva do golpe de estado. Hai xente que acaba conmovida. Tocamos eses mundos con tenrura, humor e a fibra sensible que é o teatro e o cine, que teñen que intentar contar historias que se entendan pero tamén que cheguen ao corazón. Dende Áncora Produccións que fundei con Ánxela Abalo no 89 (imos facer 20 anos) sempre dicimos que queremos criticar, comprometermos socialmente, pero que sempre ten que existir diversión nun sentido amplo e que o espectador participe.

-Na súa traxectoria, ¿dedicouse so ao teatro?

-Fundamentalmente a miña vocación é teatral pero tamén imparto clases de teatro, de guión cinematográfico na Escola de Imaxe e Son da Coruña, din clases na universidade, combinei coa dobraxe... Sempre estou entre o teatro e o drama en diferentes ámbitos, dende o ensino, dirección, interpretación, guión...

-¿Con cal se quedaría?

-Se falo de xeito solitario, co escrito, pero o prurito de interpretar ou crear colectivamente é moi potente e habería que falar entón de dirección e interpretación tamén. -¿Ten algún proxecto agora máis en mente?

-Se non hai proxectos ou obxectivos que cumprir nós quedamos parados. En teatro estou con tres ou catro textos que andan avanzando alternativamente, teño escrito ensaio e para este ano que vén intentaremos facer un espectáculo que celebre os 20 anos de Áncora Produccións.

-Xa presentou obras máis veces na súa terra natal.

-Menos dous espectáculos, a maior parte dos textos os puxemos en escena en Viveiro. Sempre estivemos en xira por Viveiro, salvo dous anos, en que se estaba remodelando o Pastor Díaz.

-¿Que opina deste teatro?

-É un teatro fantástico. Máis alá das cidades, é unha xoia. Foi onde empecei a educar a mirada como espectador, a ver as primeiras películas e as primeiras obras de teatro. Foi a miña primeira escola. Sempre o digo aos alumnos que o máis importante é saber mirar e ser espectadores, onde aprendes a amar o teatro e o cine.

-Unhas últimas verbas para o seu público de mañá.

-Os éxitos non se miden por premios senón por asistencia e polos aplausos e contar ca asistencia e os aplausos do público de Viveiro sempre é importante porque sempre un quere demostrar que quere ser profeta da súa terra.