«Unha das zonas na que pernoctan as autocaravanas é sobre o castro de Benquerencia, que está inventariado»
A MARIÑA
Celso Dourado é o dono do cámping A Gaivota, radicado xunto á praia de Benquerencia (Barreiros), un empresario crítico con que se permita a acampada ilegal sobre monumentos naturais, como é a praia das Catedrais: «Unha das zonas na que tamén pernoctan as autocaravanas é sobre o castro de Benquerencia, que está inventariado». -Desde a Asociación Galega de Autocaravanas aseguran que a maioría dos cámpings non ofrecen todos os servizos que necesitan as autocaravanas.. -Iso non é certo. A maioría dos cámpings fómonos renovando porque teñen que someterse ás inspeccións que fai Turismo. Outra cousa é que non se queira facer uso dos servizos. Un responsable da asociación (o vicepresidente) di que o sector move moito diñeiro. Sendo uns turistas de clase media-alta non entendo por que baleiran as augas en calquera prado, non entendo por que temos que vixilar para evitar que entren nas nosas instalacións sen pagar, non entendo por que veñen pedir por favor que lles deixemos lavar a roupa nos servizos do cámping, entre outras cousas. -¿Que opina da medida adoptada polo Concello de Ribadeo de prohibir o estacionamento de autocaravanas no aparcadoiro das Catedrais desde as 21 ata as 9? -Ao longo da costa durante a noite fórmanse auténticos cámpings ilegais. Téñense que controlar estas actuacións porque hai que ter en conta que esa praia é un monumento natural e o estacionamento está dentro municipal dos cen metros da liña de Costas. -¿Que tipo de turista usa máis os servizos dos cámpings? -Os estranxeiros están máis concienciados. O que pasa é que cando se atopan con outros que non respectan a normativa fan o mesmo. É un efecto chamada. -¿Que medidas cre que se deberían por en marcha? -Algúns estacionamentos de Asturias próximos ás praias pechan polas noites. En Cantabria hai lugares nos que colocaron un arco con luces de gálibo que limitan a altura dos vehículos aos aparcamentos.