«O mellor foi resolver o conflicto do polígono industrial»

Luis Prieto

A MARIÑA

26 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), cumpre un ano gobernando en minoría. Por enriba dos problemas que lle auguraban algún, o certo é que neste tempo conqueriu sacar adiante cuestións importantes que levaban tempo paralizadas, como o novo plan xeral. Para el, con todo, o mais importante é o polígono industrial.

-De destacar unha cousa quedaríame coa resolución dun conflito tan longo como está sendo o do polígono industrial. Conquerimos eliminar o atranco da subestación eléctrica, que con unha inversión dunhos seis millóns de euros vai dar servizo ao polígono e a unha parte importante da Mariña Oriental. Nos próximos días o conselleiro de Industria virá a Ribadeo para presentar o convenio.

-Valore o papel dos grupos de oposición. O PP.

-Gostaríame que se posicionara de forma máis aberta e explícita en aspectos que son importantes para Ribadeo. Pero debo valorar, e os veciños e os votantes do PP tamén, que ás veces é determinante co seu voto para que aspectos positivos para Ribadeo saian adiante. Pero por outra banda, gustaríame que se implicara un pouco máis.

-O PSOE.

-Tras non renovarse o pacto de goberno tivo un comportamento moi pouco aceptable, incumprindo o pacto a nivel galego de votar á forza máis votada entre o PSOE e o BNG nas sesións de investidura, ou no momento de liberar ao alcalde, cando pretendía cobrar e cobro moito menos que o anterior. Tamén houbo outras cuestións que creo máis propias dun berrinche infantil. Pero ao mesmo tempo debo recoñecer aspectos positivos, puntos que foron adiante grazas ao apoio do PSOE, como o plan xeral ou a galescola.

-UPRI.

-Paréceme que moita da súa xestión é de cara á galería, con oportunismo e moi pouca coherencia. Moitas veces sorpréndenme peticións pintorescas, actitudes coas que non se sabe se están representando máis a algún sector concreto da economía local que aos intereses de todos os veciños de Ribadeo. En todo caso, todos os grupos nalgún momento fan aportacións positivas. Aínda que a política é ás veces un xogo dunha certa estratexia, a medida que vai pasando o tempo a xente vaise concienciando de que se unha cousa sae adiante non é necesariamente porque o alcalde sexa un bo xestor, senón porque hai concelleiros doutras formacións políticas que están dacordo con que Ribadeo poida contar con cousas positivas.

-Superado un ano en minoría no goberno municipal, con catro de trece concelleiros, ¿conta con rematar o mandato?

-Sinceramente, eu non estou esperando nin calculando ata cando podemos estar no goberno. Non no lo plantexamos. Estamos volcados en traballar e todo o que conquiramos para Ribadeo será unha satisfacción a nivel persoal e tamén político. Si seguimos no goberno municipal ata o ano 2011 pois moi ben, e senón, pois tamén, porque así é o xogo político e nada nos ata ao sillón. Estamos para facer as cousas ben, e o resto dos partidos teñen moito que aportar, en positivo, pero tamén se é o que queren, en negativo.