Un día para celebrar por todo o alto a festa da lingua

Eva Montenegro redac.viveiro@lavoz.com

A MARIÑA

18 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De leste a oeste e de norte a sur, toda A Mariña celebrou onte o Día das Letras Galegas. A fala galega reviviu coma nunca e a través dela os mariñáns disfrutaron de festa e moitas outras actividades lúdicas e culturais. Aquí van algunhas. Libros e música, pan e letras. En Ribadeo desenrolouse onte de novo, entre outros actos, a campaña «Pan e letras» na que a figura do homenaxeado deste ano, Xosé María Álvarez Blázquez chegou aos fogares dos ribadenses a través das compras do pan, do xornal ou libros pois con estes se repartían tarxetóns da súa vida e obra. En Viveiro tamén os libros cobraron protagonismo pois as librarías Neira e Porta da Vila saíron á rúa para achegar a cultura galega aos cidadáns que pasaban polo casco vello, ao tempo que disfrutaban da música dun grupo do conservatorio e da coral alborada.

Na cidade do Landro o teatro foi outra das maneiras de vivir a festa. O grupo do IES Vilar Ponte levou ao escenario do fermoso teatro Vilar Ponte a obra Comedia bífida na que os estudantes se converteron en actores por un día.

Outra das citas do día estivo no auditorio da fábrica cervense de cerámica, onde o colectivo Airiños do Xunco volveu un ano máis a celebrar o Día das Letras Galegas cun festival no que nin faltou a música tradicional e actual, nin as poesías nin o momento de premiar o talento dos que participaron no seu concurso literario. Os gañadores da vixésimo cuarta edición foron os seguintes: Lorena Barrera, Susana Valle, Elisa Rodríguez, Patricia Gey e Rocío Leira.

O grupo de teatro afeccionado presentou onte en San Cibrao a obra R.I.P: Marandaina. Fíxoo ademais nunha data moi especial para o conxunto cervense, pois é tamén a do seu décimo aniversario. E sen deixar os límites cervenses, aínda queda un acto enmarcado dentro do Día das Letras Galegas previsto para hoxe. É cine. No centro social das Escolas de Rúa proxectarase ás cinco da tarde a película Donkey Xote.

O colectivo Buril foi o encargado de debuxar as bandeiras dos paises que integran a Comunidade de Países de Língua Portuguesa, reclamando a condición internacional do galego.

O colectivo Ollomao que preside Ana Hermida presentou onte as actividades do 2008 que se centrarán na posta en valor e recuperación do patrimonio municipal con vistas a elaborar un catálogo que tamén sirva de base de protección. En todas as parroquias hai elementos como cruceiros, hórreos, etcétera, que non teñen máis protección que a que marca a normativa xeral. A primeira cita será no teleclube de San Cosme o vindeiro sábado, un trivial para os nenos con 400 preguntas sobre Barreiros. Dende xuño farán catro roteiros cada mes para coñecer os encantos barreiros. En xullo haberá un certame fotográfico sobre patrimonio (as fotos proxectaranse no mes de agosto). En setembro farán unha exposición de artistas locais. En outubro se desenrolarán unhas xornadas específicas sobre patrimonio. En novembro recuperan a festa do Samaín e en decembro ofrecen un ciclo de cine en galego.