«No 1946 traballabamos 260 obreiros na fábrica de gres de Burela»

A MARIÑA

Gloria González veu nacer un concello, traballou varias décadas once horas diarias e aos seus 79 anos exerce de muller-oenegé cos inmigrantes que petan na súa porta

08 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Durante moitos anos traballou once horas diarias e hoxe presume de ser unha das primeiras mulleres aseguradas de Burela. O traballo na fábrica de gres do empresario catalán Leandro Cucurny e na conserveira forxou a personalidade de Gloria González Niñe, unha burelense fiel testemuño do desenrolo dun concello con pouco máis de trece anos de vida e un claro expoñente da muller mariñana nada nas primeiras décadas do século pasado. «Nacín na zona do porto, no Berbés, antes tamén coñecida como a Bella Mariña», lembra Gloria, quen con dez anos xa transportaba o peixe do porto á conserveira: «Por levar cinco bañeiras dábanos cinco moedas, que despois cambiabamos por unha peseta ou por dous reais».

Só mudou a súa residencia a Foz trala morte do seu pai, pero ao remate da Guerra Civil regresaría a Burela para traballar durante máis de corenta anos na fábrica de gres. «Era das poucas que estaba asegurada», insiste Gloria, mentres mostra unha foto das súas antecesoras, das que formaron parte do primeiro cadro de persoal da factoría no ano 1912. «Na fábrica traballaba desde as seis da mañá ata as dúas da tarde, comía na casa e despois, pola tarde, ía á fábrica da Trocha, desde as seis ata as once da noite. E así todos os días». Os ingresos do traballo na conserveira flutuaban dependendo da época pero, cando menos, «daban para comprar unhas zapatillas». Adquirir o resto das prendas de vestir non representaba un problema por dúas razóns: «Non había moito onde comprar, ou ías a Cervo ou a Ferreira, e ademais, tampouco había moitos cartos. Gañei 500 pesetas en seis meses de traballo na conserveira». Gloria era no 1946 unha dos 260 traballadores da fábrica de gres, á que obreiros de Cervo, Foz e outros concellos se desprazaban a diario en bici ou a pe. Ela gañaba 150 pesetas ao mes.

Pasados os anos aínda lembra os seis meses que estiveron sen cobrar e a solidariedade do pobo de Burela: «Moitos negocios, como o de Eulalia, nos fiaban a comida, o pan. Foi a maneira de levantar a fábrica e saír adiante». Da xente de Burela destaca o carácter solidario, no traballo e na integración dos inmigrantes, e a unión no traballo: «Burela débelle moito a xente como Eijo Garay, Arcadio Pardiñas, ao pai de Manolo Mon, a quen aínda non se lle dedicou unha rúa».

Tanto Gloria como outras mulleres da súa xeración confeccionaban os zapatos que calzaban, deseñaban os pendentes e fabricaban os seus xoguetes. «Eu tiña uns topolinos que poñía todo o ano; no verán tinguíaos de branco e no inverno, de negro. Eran os zapatos que tiña, pero eramos tan felices...».