«Non hai un estereotipo definido da muller maltratada»

L.P.

A MARIÑA

O CIM ribadense considera preocupante o número de casos de violencia de xénero, 14, e os moitos que non se denuncian

24 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Luísa González é a responsable do Centro de Información á Muller de Ribadeo, que ven de presentar a súa memoria anual. En total, foron 275 consultas as que tivo que atender, de 221 mulleres e 31 homes. Luísa González recoñece que, de cara á opinión pública, o máis rechamante quizais sexan os 14 casos de denuncias con sentencias que houbo por malos tratos, pero insiste en que o CIM desenvolve unha tarefa moito máis ampla, encamiñada en grande medida a propiciar a igualdade entre homes e mulleres.

Luísa González leva a fronte do CIM de Ribadeo máis de tres anos, dende que se creou.

-Penso que a día de hoxe o CIM é un referente para as mulleres do concello e destacaría o traballo que estamos desenvolvendo agora no ámbito local dende o Concello en canto a políticas de igualdade, con actividades específicas para mulleres, tendo en conta as súas necesidades e aplicando ás veces medidas de discriminación positiva.

-Máis de 240 persoas acudiron ao CIM o pasado ano. Como valora a cifra?

-É alta, porque hai que ter en conta que as consultas acostuman a ser complexas.

-O que chama a atención son os casos de malos tratos: 14.

-É un dato preocupante, porque vivimos nunhos tempos nos que se está prestando especial atención a esta problemática e hai máis recursos. Sen embargo, as agresións seguen aumentando. O problema está aí. Estos 14 casos son os que podemos denominar visibles, pero hai un gran número que non se ve, de xente que non quere denunciar e de xente que pensa que non está sufrindo malos tratos, cando non é así. Normalmente denúnciase cando o maltrato é físico, pero tamén o hai psicolóxico, ou de situacións froito de moitos anos nos que a autoestima da muller se veu mermada pero que, polo moito tempo que leva sufrindo, pensa que é algo normal. Eso é o máis preocupante.

-Que se pode facer dende o Concello para combater esta situación?

-Políticas de prevención, como se están levando a cabo nos centros educativos, comenzando polos máis nenos no fomento da igualdade. Tamén ofrecemos recursos para que os agredidos podan levar adiante unha vida independente do agresor, xestionando o salario da liberdade, cos programas de cooperación para mulleres, coas axudas de Vivenda para as vítimas da violencia de xénero, etcétera, ademais de contar con servizo de asesoramento psicolóxico. E tamén hai programas de reinserción dos maltratadores.

-Queda moito por diante para acabar cos malos tratos?

-Moito. Mellorouse, porque hai máis recursos, pero hai moito que facer aínda.

-Hai un estereotipo da muller maltratada?

-Non. Pódelle pasar a calquera, dende a unha muller con dúas carreiras e coa vida económica solucionada ata a mulleres paradas sen formación. O que ocorre é que as que teñen máis recursos económicos teñen máis fácil tomar unha determinación.

-É un erro vincular o CIM cos casos de malos tratos?

-Por suposto. A violencia de xénero é do que máis se fala, pero este servizo desenvolve un papel moi importante en cantidade de supostos, dende trámites a casos de separación, reclamacións, axudas...