O escultor Daniel Río acaba de voltar do Sáhara, despois de participar nos primeiros Encontros de Arte en Territorios Liberados do Sáhara Occidental ARTIfariti . Xunto con Pamen Pereira foron os dous creadores galegos que se sumaron a esta iniciativa solidaria e coñeceron de primeira man durante quince días a realidade social deste territorio. A tarefa dos escultores, fotógrafos, pintores, instaladores e outros creadores foi grabada e será divulgada na próxima edición do certamen Arco.
-Os encontros non deixan de ser unha nova denuncia, esta vez desde o mundo da arte.
-A partir dos nosos traballos pretendemos facer visible o problema duns territorios que levan anos pendentes dunha resolución da ONU. Os artistas tamén denunciamos esa situación. Falamos duns territorios que se manteñen da cooperación internacional. -¿De quen partiu a idea de organizar estes encontros? -Dun colectivo andaluz, ao que se sumaron despois administracións como a galega, o Goberno de Cantabria e outros organismos. -Fálenos das obras... -A maioría foron obras da corrente artística land art e outras podemos dicir que eran efímeras. Houbo un equipo que fixo un seguimento do traballo de todos os artistas. A idea é presentar o material gráfico e audiovisual en Arco e despois difundilas nunha mostra que percorrerá distintos puntos da xeografía española.