«Hai músicos que comenzaron na banda de Viveiro con sete anos»

Alba Porral

A MARIÑA

11 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

VIVEIRO | Corenta membros de entre oito e dezaseis anos son os compoñentes da Banda Xuvenil de Viveiro que actuarán esta noite na Praza da Fontenova ás oito e media. Xa se vislumbra un futuro prometedor para esta nova canteira de músicos viveirenses. Carlos Timiraos, clarinetista profesional, é o seu director con só vintedous anos.

-De Viveiro saen moitos músicos profesionais... ¿Ten algo que ver con que comecen na música tan de nenos?

-A mellor aprendizaxe faise de mozo. Eu comecei co clarinete con oito anos e agora compaxino estudios superiores coa dirección. Na banda hai músicos que comezaron con sete anos, pero non só se trata de saber tocar un instrumento, nunha banda hai que saber compaxinarse, a harmonía faise con todo o conxunto. Eso é o máis difícil e require moito esforzo.

-¿Como son os ensaios?

-É un mérito moi grande que todos o tomen tan en serio, eu admíroos moito. Levamos desde maio preparando este concerto e a última semana os ensaios foron de tres horas diarias.

-¿Canto tempo leva en activo a Banda Xuvenil de Viveiro?

-Levamos un ano facendo concertos pero é a primeira vez que actuamos solos.

-¿Que repertorio presentarán esta noite?

-Algo bastante variado, pero a novidade son tres obras para solista, de clarinetes, xilófono e tuba.