Áncora Producións inicia en Vilagarcía a xira do seu 20 aniversario coa historia dun «colgado» profesional
26 ene 2010 . Actualizado a las 19:52 h.Colgados, a incrible historia de Homesoga, o Colgado de Celeiro. Este é o surrealista título da iconoclasta produción coa que Áncora Producións conmemora os seus primeiros vinte anos en escena, toda unha fazaña no sempre complexo universo teatral galego. A montaxe, que o venres chega ao auditorio de Vilagarcía á hora de costume, as nove da noite, ten moito que ver coa capital arousá. Primeiro porque aquí naceu a súa directora, a actriz Ánxela G. Abalo. Segundo, porque de aquí era o avó do noso colgado profesional, creado e encarnado por Gustavo Pernas.
Os dous integrantes deste curto pero intenso elenco presentaron onte a peza de par do concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, quen subliñou a calidade do traballo de Áncora e o esforzo desenvolvido para ofrecer ao público una obra de altura coa que pendurarse a prezos case que simbólicos: catro, tres e dous euros en función da zona de butacas de que se trate.
Colgarse, servizo público
«En época de crise hai moito colgado». Desta constatación partiu Gustavo Pernas para poñer a andar o seu maxín e dar vida ás andanzas dun personaxe que, consciente tamén de que pendurarse pode ser moi perigoso para o home da rúa, sen experiencia en tan abalante práctica, pon ao seu dispor a súa bonita profesión, que diría Carmen Sevilla, concibida como servizo público. O Colgado de Celeiro ten moito camiño andado de cabo da soga. Xa o seu avó, explican Pernas e Abalo, se colgaba cada día despois de xantar, «a iso das five o'clock », como corresponde a un digno fillo da capital arousá, sempre tan british e tan aquelada no seu.
Xa que logo, a historia comeza cando o Concello, enténdese que o de Vilagarcía, dálle ao Homesoga a oportunidade de amosar as súas habilidades nunha demo en pleno auditorio. Non é a súa unha soga calquera, non. As cousas avanzan que é unha barbaridade, tamén no mundo das maromas. O profesional de Celeiro dispón dunha corda inalámbrica que remata nunha antena. Con ela, o noso amigo é quen de detectar as angurias que quitan o sono ao público soberano.
Hilarante, ácida, crítica, espectacular, reivindicativa dunha tradición, a do monólogo teatral, distinta á que tanto éxito está a colleitar a súa versión televisiva. Por iso, para marcar as distancias, Pernas chámalle a isto un logomono . Logo, palabra, razón, e mono, «porqué é cómico e peludo». Teatro, en definitiva, na corda frouxa, comprometido co seu tempo e coa retranca.