La Voz de Galicia

Homenaxe con mensaxe

Televisión

Miguel Anxo Fernández

No Día Mundial do Voluntariado, unha gala conmemorou na TVG os cinco anos do naufraxio do «Prestige»

07 Dec 2007. Actualizado a las 02:00 h.

Hai cinco anos, máis de 50.000 voluntarios achegáronse ás nosas praias para limpar o chapapote vomitado polo Prestige. Non hai galego que o esqueza, tampouco quenes o pagaron nas urnas un tempo despois, e mesmo quenes se solidarizaron sen estar sobre a area e as rochas, ou sen facerse visibles en Nunca Mais.

Desde a Vicepresidencia da Xunta de Galicia e da súa dirección xeral de Xuventude e Solidariedade, promoveuse a gala Mar de Mans, que a Televisión de Galicia emitiu antonte (gravouse en Pontevedra días atrás) coincidindo co Día Mundial do Voluntariado.

Hai unha máxima televisiva que di que unha gala é unha gala, ou para entendernos: en galas todo está inventado. E a non ser que o realizador tolee coas cámaras, o presentador/presentadora faga o pino no escenario e os guionistas teñan complexos de Pirandello, insisto, unha gala sempre será unha gala.

Mar de Mans contou con unha coidada escolla de músicos e cantantes (Uxía Senlle, Marfil, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Toñito de Poi, Coti, Ismael Serrano, Kiko Veneno e Raimundo Amador, Carmen París, Xurxo Souto e Pulpiño Viascon, Manecas Costa, Narf e Víctor Coyote), co engadido de duetos e un fin de festa con parte deles coreando o Volando voy (derivando a Voando vou) baixo a batuta de Kiko Veneno e Raimundo Amador.

Premios Solidariedade

Como era esperable, o actor Carlos Blanco foi o perfecto anfitrión. Tratábase de recoñecer cos premios Solidariedade de Galiza á xente do mar, ao conxunto de voluntarios e colectivos ecoloxistas e, en xeral, a toda a sociedade mobilizada contra a marea negra.

Recolléronos a confraría de Cangas, os representantes de Adega e o actor Manuel Lourenzo en nome de tódolos galegos. Numerosas testemuñas gravadas completaron o programa.

Todo ben. Pero a festa sería rotunda de terse pulido algunhas cousas. Para quenes seguimos a emisión televisiva, quedou unha certa sensación de ausencias.

Quizais deberan estar no pazo pontevedrés (e tamén sobre o escenario) por ficar en primeira liña e ser solidarios co país, outros axentes políticos e sociais daqueles días, medios de comunicación, xornalistas, intelectuais... Algo falla cando non se repara niso. Unha última (boa) cousa: a Galega domina iso de emitir galas. Soa a obvio, pero nunca sobra.


Comentar