La Voz de Galicia

Nicolás Lucas, do IES Pontepedriña: «Que o alumnado do rural coñeza ben o monte e o solo axuda a previr os incendios»

Santiago ciudad

JOEL GÓMEZ SaNtIaGO / LA VOZ
Nicolás Lucas, profesor de Bioloxía e Xeoloxía no IES Pontepedriña de Santiago

O profesor coordinou un traballo científico e artístico sobre os lumes, que proxectou o centro internacionalmente

21 Jun 2021. Actualizado a las 05:00 h.

O IES de Pontepedriña aproveitou de novo este curso o proxecto interdisciplinario de educación ambiental Despois do lume: incendios forestais e protección do solo. Esta é unha das iniciativas didácticas máis interesantes do ensino non universitario de Santiago, que conseguiu proxección internacional: gañaron un premio da FAO (a organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura); participaron nun congreso internacional sobre o solo, organizado na USC; e o docente coordinador, Nicolás Lucas Domínguez, explicou o traballo nunhas xornadas promovidas polas sociedades española e latinoamericana de Ciencias de Solo, perante especialistas e investigadores de varios países.

 

Alén diso, abriu a porta á comunicación do instituto con investigadores universitarios e do centro de investigacións agrobiolóxicas do CSIC no Campus Vida. Tamén lles serviu para estabelecer contactos con outros centros de ensino galegos, como o colexio de Bembibre ou o IES de Ponte Caldelas. Expuxeron os resultados no congreso de docentes de ciencias galegos. Os conselleiros de Educación e Medio Rural tamén se achegaron para coñecer esa iniciativa didáctica.

«Desde hai varios anos celebramos no instituto o Día Mundial do Solo. Este proxecto comezou en outubro de 2017, tras a vaga de lumes forestais asociados ao furacán Ophelia, que causaron gran alarma social e un enorme impacto, porque se viu como o lume non só queima o bosque, tamén pode causar a morte de persoas», afirma Nicolás Lucas.

No proxecto didáctico participaron alumnado da ESO e, co departamento de Bioloxía e Xeoloxía interviñeron o de Plástica e o de Tecnoloxía, coas docentes Estela Pintos e Anxa Novo. Organizaron saídas para coller mostras de solo queimado e zonas calcinadas, con investigadores e técnicos forestais como guías. Estudaron o solo; a xerminación de sementes, coa plantación de landras de carballos; as consecuencias dos incendios e a restauración dos solos queimados, ou a reforestación, con conferencias de especialistas. Esa parte científica dialogou con produtos artísticos, de pintura e un vídeo, elaborados por estudantes, mesmo un grupo interpretaron música.

«Foi un proxecto de tres anos, que finalizou en realidade o curso pasado, e que neste decidimos recuperar polo seu interese, cunha exposición, aínda que por causa da pandemia da covid a actividade foi máis limitada», afirma Nicolás Lucas.

«Aproveitamos para reflexionar na aula sobre como evitar a erosión e os danos dos incendios, e como planificar o futuro. No IES de Pontepedriña moito alumnado procede de zonas rurais. As súas familias teñen monte, herdan terra que non está en cultivo e hai que ver que se fai con iso, que responsabilidade se ten, que se pode facer co territorio; pensar como será o futuro dentro de 20 anos no entorno rural, se seguirá existindo a agricultura e a gandaría como as coñecemos agora. Que o alumnado do rural coñeza ben o monte e o solo axuda a previr os incendios, e a que lle dean maior importancia ao seu coidado», acrecenta.

Este docente salienta así mesmo a comunicación que houbo «entre o noso instituto e especialistas de universidades e de centros de investigación, dos que algúns admitían non coñecer o que se fai nos institutos. Eles teñen unha forma de funcionar máis burocratizada; nós funcionamos con contactos, por amizades que nos axudan a facer cousas. Un proxecto como este serviu para concienciarmos sobre o problema dos incendios forestais a través do impacto social que producen; partimos daquel furacán e continuamos con numerosas actividades posteriores».


Comentar