La Voz de Galicia

Enreguéifate bota a andar de novo para animar os escolares coa improvisación en verso

Santiago

Goretti Sanmartín e Blas García presentaron a nova edición do Enreguéifate con responsables políticos e técnicos de Normalización Lingüística dos outros concellos participantes e con docentes das actividades do programa

O Concello de Arzúa súmase este ano a unha iniciativa coa que están comprometidos tamén os municipios de Santiago, Ames, Carballo, Pontevedra e Teo

12 Nov 2025. Actualizado a las 05:00 h.

Enreguéifate, a iniciativa que sustentan os concellos de Santiago, Ames, Carballo, Pontevedra, Teo e Arzúa (súmase este ano) para atraer os máis mozos á improvisación oral en verso, bota a andar de novo este venres. Farao en Ames, cun obradoiro para o profesorado (hai 45 prazas para docentes de toda Galicia e a inscrición remata mañá) co que se pretende evidenciar o valor da regueifa como ferramenta didáctica.

Porque o obxectivo final é que este acervo cultural galego tamén se traballe nas aulas, para que a palabra, «cantada ou rimada, se converta nun instrumento de aprendizaxe e de orgullo lingüístico», segundo referiu o alcalde de Ames, Blas García, quen acompañou á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e aos concelleiros responsables de Normalización Lingüística de Arzúa, Carballo e Pontevedra, Lucía López, Maruxa Suárez e Demetrio Gómez, na presentación dun programa que ofrecerá uns oitenta obradoiros escolares de improvisación e que terá aberto entre o 12 de xaneiro e o 6 de marzo o envío de vídeos para o certame de regueifas.

Dirixido especialmente a estudantes, aínda que aberto á poboación xeral, terá oito premios por cada categoría (escolar e xeral) e a gala será en Pontevedra. Co lema Enreguéifate, versos doutro universo, o certame presentouse onte en Santiago cunha demostración en vivo con algúns dos docentes das actividades.


Comentar