La Voz de Galicia

Debaixo do pavés

Santiago

En Compostela levaron unha decepción porque debaixo dos adoquíns de San Pedro non había praia ningunha. Pero revolución pode seguir habendo.

08 Aug 2013. Actualizado a las 07:00 h.

Hai algúns anos, pero non tantos, que animaban á revolución pedindo que se buscase a area por baixo do pavés. En Compostela levaron unha decepción porque en San Pedro volveron levantar o adoquín e non hai praia ningunha. Había a terra de sempre mareada de tanto traqueteo automobilístico. Pero non debemos confundir os sinais cos feitos: que non haxa praia non quere dicir que non teña que haber unha revolta. Aínda que sexa tranquila.

Durante uns anos, uns poucos, tomar a rúa era sinónimo de tomar o poder e así Fraga berraba en roldas de prensa sen plasma por medio que a rúa era súa e aí mandaba el. Foi outro engano da economía mentres os seus axentes trasladaban o poder desde as rúas do centro aos sotos dos bancos. Fomos quedando sós: a rúa, a economía e nós.

Estas tardes de calma trala traxedia, saímos a ver se o verán é outro dos recortes de Europa e topamos, segundo en que rúas, aos músicos e aos pallasos. Santiago dá para todo, mesmo tendo en conta a contraprogramación porque o rock e o cómico non son contrarios. Que pregunten a Kiss ou a Frank Zappa.

Entre tantos edificios pagados con diezmos antigos sae a música, e hai que dicir música en xeral, porque o mesmo son folkies reinventados que psicodélicos vintage. Jazz e rock ou blues e canción de autor. Explicado así semella como un revolto, pero logo non. Está todo repartido por rúas. Todo colocado sen que a correcta ubicación de cada cousa chegue a xerar eses compartimentos estancos nos que parasitan os cerebros dalgúns alcaldes. Agora que sabemos que debaixo do pavés hai o que ten haber xa podemos ir calculando a verdade universal. Antes de cada revolución sempre chega a música.

Música feito a man

Rúas de Santiago

Todo o mes

Horarios: 20.00, 23.00. Fins de semana: 13.00, 20.00 e 22.00

San Fiz Solovio, Salomé, Antealtares, Vía Sacra, Cervantes, Bonaval...

Circo | Verán nas rúas

Competencia desleal

Cada día hai máis pallasos. É mágoa que sempre manden os peores. A profesión de pallaso ten moi mala prensa porque sempre saen movidos na fotos, porque non hai un despacho onde fotografalos e porque é difícil sacarlles respostas en serio. Tamén ten mala prensa porque os mellores gags dos últimos anos non son dos pallasos, son dos banqueiros e dos seus capataces no estado neoliberal.

Cunha competencia como a do alcalde de Baralla ou a de Christine Lagarde, con eses diálogos tan salados, agudos e simpáticos, é difícil que un clown honrado saque un gag con máis potencia cómica. Quizais por iso moitos pallasos deciden pasarse ao mundo: a competencia desleal obrígaos a buscar novos nichos de mercado. Vai ser difícil que Lagarde consiga estar calada como sería necesario para que o espectáculo poida continuar.

Nin a muller con despacho no Fondo Monetario Internacional, nin o home con despacho en Baralla poden, en cambio, competir no sector dos malabarismos. A primeira ten un soldo similar ao do produto interior bruto de calquera parroquia de Ourense. O segundo non. O segundo é o produto interior bruto de Baralla.

Malabaristas, como pallasos, cada vez hai máis. Pero é ao seu pesar. O malabarismo económico é unha unidade de destino no universal se lle facemos caso a Lagarde e se non hai unha revolución que o remedie entretanto. Porque o diñeiro cambia de mans con moitísima máis rapidez. É un exercicio admirable de velocidade e precisión. O preocupante é que por moito que cambie de mans nunca acaba nas nosas.

Rúas

Días: Toda a semana. Ata setembro.

Horario: 19.30

Lugares: A Quintana, San Martiño Pinario, Alameda.

Clásica | Homenaxe a García Abril

O home e a música

Houbo un tempo en que só había unha e a outra era minúscula. Houbo un tempo en que ou tiñas esa ou non podías ter ningunha. Non estou falando da patria, falo da Televisión Española.

Naquela época, na TVE, saían moitos animais. De moitas clases: ministros, presidentes do goberno e mesmo saía con asiduidade xefes do estado practicando deportes náuticos ou pesca en réxime de ditadura. Era fauna ibérica co seu ecosistema particular, os seus coutos de caza e os seus costumes de firmar sentezas de morte.

Pero na televisión estatal tamén saían animais de verdade e a pesar de que a infancia non garante a felicidade este animais auténticos ofrecían cifras de audiencia máis grandes que os outros animais uniformados. Os leóns, os voitres leonados, os castores e as anacondas chegaban sempre despois dunha portentosa música que anunciaba o cambio de mundo. De Antón García Abril.

Auditorio de Galicia

Días: Venres, 9

Horario: 20.30

Entradas: Entrada libre. Real Filharmonía. Maximino Zumalave, director. Carmen Durán, soprano.

Petición Popular

Arte | Detenido (Al pie de la loma)

O horizonte é só perspectiva

Digan o que digan os mapamundi Galicia segue sendo a fin do mundo occidental. As estradas morren e os cartos nunca chegan ata aquí. Como de toda a vida, a civilización procede de Europa e chega a nós cansa de viaxar, desinteresada en todo o que non sexa traxe, paxe e garaxe. Tamén está interesada na paisaxe e en como facer cartos a conta de la.

Non se pode dicir que os galegos sexamos paisaxe. Podemos dicir, perfectamente correcto, que formamos parte da paisaxe, que somos romanicamente decorativos e que, cando faga falta calquera infraestrutura clave para o mundo que se aveciña, colocarannos por debaixo desa maquinaria que leva sempre o nome da empresa progreso. Europa dáse conta. Somos nós quen ignoramos.


Comentar