Cuntis celebra hoxe a súa festa gastronómica dedicada ao lacón con grelos, que este ano chega a súa undécima edición. A degustación deste prato tradicional da cociña galega será a partir das 14.30 horas, pero as actividades comezarán xa ás 11.30 horas, coa apertura da mostra de artesanía e a actuación da agrupación de música e baile tradicional de Cuntis no Campo da Feira.
Ás 12 horas, haberá unha visita á mostra O baño nun lavadoiro, instalada nos lavadoiros termais, e logo, percorrido pola mostra de cerámica de Castrolandín e pola exposición de fotografía Albiscando Cuntis, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres.
Despois haberá un pasarrúas a cargo do folión de Viana do Bolo, que sairá do Centro Patelas para desfilar polas rúas do casco histórico ata chegar ao Campo da Feira.
Chapante
Xa pola tarde e despois da degustación do lacón con grelos e das consabidas filloas, a partir das 16 horas haberá diversos obradoiros de artesanía tanto para nenos coma maiores, e tamén levarase a cabo unha plantación de camelias de novas variedades, todo no Campo da Feira, onde tamén haberá una exposición desta flor das Rías Baixas.
Logo, a festa continuará co enterro do chapante, nome que se lles da aos cuntienses polo seu gusto pola comida abundante, recuperado tras máis de dez anos sen celebrarse. O velorio comezará no mesmo Campo da Feira ás 19.30 horas.