IR ROUBAR A XAPÓN
Opinión
Á MARXE / Carlos Casares
27 Nov 2000. Actualizado a las 06:00 h.
Hai tempo que non sei nada do meu amigo Pepiño Cuco, tan nervioso que non vai nunca ó fútbol por consello dos amigos, porque lle bate ós árbitros. En canto pitan algo que non lle gusta, salta ó campo. Sempre me sorprendeu que un home tan bo, un auténtico cacho de pan, tivese esa querencia maligna. Cando eu era rapaz e xogaba no equipo da miña vila, exercía sobre min, desde a grada, unha protección especial, que ía desde ameazar a berros a calquera defensa que me entrara con dureza, ata liarse cos espectadores que me criticaban unha xugada, incluso se tiñan razón. A estes últimos advertíaos dicíndolles: «¡Coidadiño co que se di, que pode haber disgustos!». Fóra de alí, sen embargo, un tipo estupendo. Nada parecido a eses individuos violentos que van armando alborotos polo mundo adiante, co pretexto de seguir ós seus equipos. No pasado xullo xa contei aquí o espectáculo que presenciei en Bruselas durante os últimos campeonatos de Europa, cando me vin atrapado, xunto cuns amigos, nunha terraza que foi arrasada por un grupo de ingleses enlouquecidos. Se o Pepiño Cuco estivese alí, nada máis velos rompendo sillas, seguro que se liaba a golpes con eles por brutos e incivís. Cada un no seu sitio, porque non todos os hinchas son iguais. Onte, por exemplo, contaban os periódicos cómo unha pandilla de afeccionados arxentinos estiveron a punto de agredir en Tokio, na rúa, a un compatriota que agora xoga no Real Madrid e que antes pertencera, no seu país, a un equipo rival. Chamáronlle galiña, ademáis dese insulto tonto e inevitable que sempre din estes fulanos, ameazárono de morte e déronlle un empurrón. Finalmente, horas máis tarde destes sucesos, parece que a policía detivo a varios deles porque os pillou roubando. Ladróns disfrazados de partidarios dun equipo. Estou oíndo ó meu amigo Cuco: «¡Home, por Deus, mira que ir roubar ó Xapón! ¡Esa xentiña non sabe estar!». É que aínda hai clases.