La Voz de Galicia

José Tomé explica o modelo de residencias da Deputación de Lugo no Eixo Atlántico

Lugo

la voz lugo
Reunión de política social do Eixo Atlántico celebrada na Deputación

O mandatario provincial presidiu a Comisión de Política Social do órgano transfronteirizo

25 Mar 2022. Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, presidiu no pazo de San Marcos a Comisión Política de Política Social do Eixo Atlántico. Unha reunión na que participaron o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao; e alcaldes de Galicia e do norte de Portugal. Tomé, que é presidente desta comisión, subliñou o compromiso da Deputación coas políticas sociais como eixo estratéxico da súa acción de goberno, dedicándolles máis dun terzo dos orzamentos provinciais, o que supón máis de 34 millóns no 2022.

Neste contexto, o presidente explicou ao rexedores de ambos países o modelo de residencias que puxo en pé a Deputación, «como instrumento que converte os desafíos do reto demográfico nunha oportunidade de desenvolvemento para o rural e que está xerando moito interese, dentro e fóra de Galicia».

O mandatario socialista apuntou que este modelo de residencias pequenas e vinculadas ao territorio máis próximo foi exposto na Semana Europea das Rexións, o maior evento de política rexional da Unión Europea, e o Goberno, a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, «tamén se interesou pola nosa rede de residencias, como unha fórmula eficaz para facer fronte ao despoboamento».

Tome explicou que son residencias públicas, cunha media de 30 usuarios e 25 traballadores, co que a atención é personalizada. Ademais, lembrou que con estes centros de maiores «estamos creando emprego estable e de calidade no rural, sobre todo feminino, e estamos dinamizando as economías locais, porque promovemos que as residencias se abastezan, de xeito preferente, de produtores e de comercios do entorno».


Comentar