«Cabréame que se diga que a Universidade fabrica parados»
Galicia
Nacho Mirás Fole | nacho.miras@lavoz.es
É un estudoso dos calendarios e dos acrónimos; ten un gran sentido do humor e
fai todo o posible para non perder o contacto co alumnado, incluso dar clase
Non é raro atoparse con el no Castromil que vai da Coruña a Santiago. «¿Para que vou molestar ao chofer?», di. José María Barja Pérez (Mondoñedo, 1951) cumpre dous anos como reitor da Universidade da Coruña e a súa cabeza é un ferver constante.
-Os reitores, malos ou bos, sempre son magníficos...
-Pero o reitor é magnífico porque manda en todos, non porque sexa marabilloso. Iso si, o cargo viste moito.
-¿Imaxínase? Un filme de vaqueiros que se chamara «Os sete reitores»...
-En Galicia somos tres, e xa algunha vez nos comparaban cos tres Reis Magos.
-¿E non dá a impresión de que os tres viven en parroquias illadas? Como Alvedro, Lavacolla e Peinador.
-Son institucións separadas, pero si que hai cada vez máis interrelación, é unha cousa buscada polos tres e o sistema vai nesa dirección.
-¡A ver se imos chegar á conclusión de que é mellor fusionarse nunha universidade soa!
-Non, ese debate rematou, é un tema pechado.
-Como bo matemático, póñame nunha columna os «haberes» destes dous anos...
-Por exemplo, a transparencia informativa, aprobamos o estatuto, pactouse un plano de financiamento coa Xunta, fixéronse un montón de regulamentos....
-¿E nos «debes»?
-Quedan cousas. Por exemplo, o tema das residencias, que vai tardar máis.
-Lin os números da súa elección e foi votado polo 77% dos estudantes. ¿Ofreceu barra libre?
- [Ri] A participación foi moi importante.
-Convén non perder o contacto coa esencia da institución, os alumnos...
-Por iso un, de cando en vez, vai dar clase. Ao fin, nós somos mestres que, nunha época, estamos na xestión.
-¿E cando escoita que as universidades son fábricas de parados?
-Iso cabréame, non é verdade. É un dos tópicos que hai que romper. Está demostrado que canto máis nivel académico temos máis altas son a remuneracións e a seguridade do emprego. Outra cousa é que haxa subemprego. Pero non somos conscientes do que cambiou este país pola difusión do ensino. O que é terrible é que os titulados galegos teñan que estar en Alemania, en Barcelona... Estamos a exportar cerebros.
-Dixéronme que é un estudoso dos calendarios. Pensei que iso só se facía para cadrar as vacacións e facer sete días de tres.
-Para iso tamén é importante. Viña o outro día en La Voz un chiste de Olafo. El dicíalle á muller: «¡Non chegamos a fin de mes!». E ela contestaba: «Pois temos que mercar un calendario cos meses máis curtos». ¡Pois tamén hai calendarios cos meses máis curtos! Teño un montón de bibliografía sobre o asunto. É un tema cada vez máis actual, estamos a falar de cousas que pasan en Oriente Medio, onde hai tres calendarios en vigor, o noso, o xudeu e o islámico. En Irán teñen un calendario persa... é bo ter en conta que non todo o mundo está no mesmo día.
-O noso non é dos peores, polos festivos, digo...
-O máis exacto é a última versión do chinés, que foi deseñado polos xesuítas, baseado no coñecemento occidental da astronomía. O máis absurdo é o de Bali, onde hai semanas de dous, tres, catro, cinco, e ata nove días que van rotando. E cando se dan certas combinacións, tócalles día libre.
-¿Volverase a presentar a reitor?
-Pode ser, o que non teño é vocación eterna.
-Sei que vostede ten un gran sentido do humor ¿Sabe aquel? Din que os matemáticos nunca morren, que só perden algunhas funcións...
-Tamén está aquela definición que di que o matemático é un señor ao que lle das café e produce teoremas [Rimos os dous].