La Voz de Galicia

«Estou moi satisfeito da cita deste ano»

Firmas

fina ulloa ourense Director das xornadas de folclore internacional, da deputación de ourense

O público respaldou o espectáculo que moveu nesta edición a 317 artistas

17 Aug 2012. Actualizado a las 06:00 h.

Como ven sucedendo dende hai 29 anos, as Xornadas de Folclore lograron de novo o respaldo do público ourensán e encheron todos e cada un dos 16 escenarios que se montaron noutras tantas localidades da provincia. E iso que este festival intercultural, que nesta ocasión achegou a nove grupos de oito países, non foi alleo a crise, e organizouse con unha redución do presuposto do 20 % con respecto ó ano pasado.

-¿Foi complexo manter as actuacións con menos cartos?

-O que fixemos foi reducir en todos aqueles aspectos que non repercutían directamente na calidade do produto, no que se vía sobre o escenario, e tamén os grupos viñeron coa xente exacta para o espectáculo que poñían en marcha e actuaron tódolos días, sen descansos.

-¿Está satisfeito?

-Estou moi satisfeito da cita deste ano; cumprimos coa filosofía que era optimizar ao máximo os recursos.

-¿Como explica que non decaia o interese pola cita?

-Eu non sabería dicirche si houbo máis ou menos xente, é difícil de calcular. Pero é certo que onde houbo aforo limitado, enchemos, e incluso en sitios como Ribadavia, había xente por arredor do auditorio de pe, pero ven pasando sempre, non sei si había máis ou menos. O que é certo é que a xente sabe que ningún ano é igual, porque temos moito coidado ó programar as citas, incluso tendo en conta as localidades que están cerca unhas de outras, para asegurar esa variedade.

-Este foi un ano máis accidentado pola chuvia.

-Aquí na cidade tivemos que parar a 30 minutos do final; e tamén tivemos problemas en Entrimo ou Viana, pero puidemos artellar alternativas e cambiar escenarios ós polideportivos.

-¿Que tal foi a convivencia?

-Con moi bo ambiente, como sempre. Nunca tivemos problema, nin o ano que Rusia invadiu Georgia e coincidiron aquí representantes dos dous países. A xente non ten culpa coas decisións dos seus gobernantes, inda que as sufran: e estas persoas son profesionais que falan o idioma común da cultura, e iso une. Pero é que tampouco tivemos nunca problema co público. Non se entendería que abucheasen a Arxentina, por exemplo, porque a presidenta fixo o que fixo con Repsol. En xeral, nestes casos, a xente ten máis sentido común que os políticos.

Xulio Fernández Senra director das xornadas de folclore internacional, da deputación de ourense


Comentar