La Voz de Galicia

Peregrinar baixo a neve

Escuela

Cristóbal Ramírez
Peregrinos percorrendo o pasado mes de marzo o Camiño Inglés desde o seu punto de partida, a abadía de Finchale

Medio cento de persoas recuperan o Camiño Inglés desde o seu punto de partida, a abadía de Finchale, situada xunto a río Wear e a oito quilómetros de Durham

04 Apr 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Alguén lembrou en voz alta a frase que se atribúe a Filipe II: «Yo no mandé a mis naves a luchar contra los elementos», en referencia ao desastre da Armada Invencible, destruída polas treboadas. Cando a pronunciou o monarca, o calendario marcaba 1588. Cando a repetiu alguén era o pasado 17 de marzo e máis de medio cento de persoas peregrinaban a oito graos baixo cero e inicialmente cun forte temporal de neve entre a abadía de Finchale e a catedral de Durham (merecido patrimonio da humanidade). Esperábanse case centenar e medio de abnegados peregrinos, pero iso, os elementos, desanimaron á maioría.

Claro que o número -que engrosou notablemente a medida que o grupo se acercou á cidade- non lle quitou importancia a un feito que co tempo irá adquirindo mérito e que non é outro que o feito de que dita abadía, hoxe unhas ruínas impresionantes, é o auténtico comezo do Camiño Inglés a Compostela. Algo que é habitual estes días en toda España, pero máis en Galicia, que a xente vaia andando a Santiago, era anómalo por completo nesa rexión do nordés de Inglaterra que por certo votou maioritariamente brexit. «Foi medio milenio de silencio forzado polo rei Henrique VIII -explicaba a profesora Penélope Johnson, de orixe galega-. El prohibiu a peregrinación a Santiago, e agora estamos recuperando a historia».

 

A iniciativa de recuperar o Camiño Inglés no seu comezo foi unha idea do Xacobeo que caeu en terreo aboado. O primeiro en apuntarse, e en mobilizar á súa xente hai xa cinco anos, foi un sacerdote irlandés que ten parroquia en Durham, o popular father Colm, peregrino el mesmo polo Camiño Francés e que envía aos seus fregueses a Galicia. «Hai que axudar a recuperar o verdadeiro senso da peregrinación», explicou aos seus xa o primeiro día. Atoparon tamén apoio no Concello coruñés de Oroso e mais na Deputación da Coruña, que nesta ocasión enviaron representantes a aguantar a neve e o frío.

A peregrinación pasou marxeando un cárcere de alta seguridade, onde se atopan os seiscentos presos máis perigosos de Gran Bretaña. Un dos camiñantes lembraba que alí estaba o xihadista que un bo día, hai uns anos, sacou un coitelo e feriu sen máis a un soldado e matou a outro no centro de Londres. «O espírito do Camiño Inglés é xustamente o contrario ao que fixo este home -reflexionaba Keith Taylor, presidente de Friends of Finchale Camino, una asociación de amigos da ruta xacobea-. É solidariedade, é fraternidade, é espiritualidade e, máis que nada, é respecto aos demais, e o primeiro respecto é á vida allea».

Outros lugares de peregrinación

Claro está que non é o Camiño de Santiago a única invitación a peregrinar polo planeta Terra, aínda que si é a ruta máis estendida. Baste dicir que en Polonia, Estonia ou Dinamarca, por exemplo, atópase totalmente sinalizada. Pero hai outros enclaves que exercen esa función de imán sobre millóns de persoas. Estes son algúns.

actividades

 


Comentar