O empresario dará o paso de xurdir un grupo numeroso de voluntarios dispostos a xestionar o club O candidato virtual conta co respaldo de Francisco Muíña, e aposta por un proxecto que potencie a canteira
16 Jun 2007. Actualizado a las 07:00 h.
A continuidade do Club Deportivo Estradense depende tan só dos seus socios. Concretamente, da aparición dunha ducia de entre os máis de 400 aboados da sociedade deportiva disposta a arroupar ao empresario local Luis Rivadulla.
O ex presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Estrada (ACOE) reafirmou onte o seu ofrecemento de asumir a presidencia da entidade vermellona «se aparece un grupo numerosísimo de persoas para formar unha directiva» que comparta con el o labor de xestionar o club. «O ideal sería contar con doce persoas» traballadoras e comprometidas, comentou o candidato virtual, «porque iso nos permitiría a todos librar algunha fin de semana ao mes».
E é que se algo ten claro Luis Rivadulla é que nos seus plans non está ser esclavo da xestión do C.D. Estradense, escarmentado da súa experiencia na ACOE, onde «acabamos levando a asociación entre dúas persoas».
Rivadulla, que onte reiterou o ofrecemento que fixera o venres noite na asemblea do club, amósase nembargante escéptico ante a posibilidade de que o seu paso adiante se faga efectivo. Porque mentres «eu teño ganas de coller o C.D. Estradense», a falta de compromiso da escasa ducia de asistentes á reunión de socios «non me deu boa impresión». Por iso, só está disposto a facer firme a súa proposición «se nos vindeiros días me chama bastante xente ofrecéndose para a directiva».
O empresario desvelou que o venres se ofreceu á asemblea logo de falar con anterioridade co que fora secretario do C.D. Estradense na etapa de Antonio Iglesias, Francisco Muíña. A día de onte Rivadulla contaba co compromiso de Muíña e dun par de persoas máis para coller o relevo de José López Vilariño. Pero non son suficientes para garantir o futuro do club, que este ano cumpre os seus primeiros 82 anos de historia (e non 60 como se escribíu onte erroneamente).