«Tanta incompetencia xunta...»
Deza
No bar O Moscón reúnense cada tarde os mariñeiros que chegan do mar. Uns mariñeiros que aseguran que, anque entre a marea negra na ría, ó café non van renunciar. Polo menos, mentres non emigren
23 Nov 2002. Actualizado a las 06:00 h.
O Señor Juan leva anos retirado. «Xa cobra do Estado, pero é o que máis se cabrea cando falamos desto», dicían no bar O Moscón, no porto do Grove. Nese punto de encontro, os mariñeiros falan do vento máis que de costume. Porque co vento poden chegar as manchas do fuel oil do «Prestige». E eso, como sentencia o máis vello do local, «nun pobo de traballadores e de mariñeiros é a morte». A ironía anda solta. «Non nos temos que preocupar, que esto non é unha catástrofe. Xa o dixeron os políticos, catástrofe sería se chegase ás Cíes, ós paxariños. Pero as familias que vaian morrer coa fame, eso non é problema», dicía un dos tertulianos. «Pero ata as Cíes pode chegar aínda», replicaba outro. «E ata Arousa. ¿Por que pensas que xa saquei a maleta do fallado?». Esperando acontecementos, os mariñeiros do Grove botan contas. E non lles saen os mesmos números que á administración. «Din que van dar 30 euros ó día. ¿E con eso que se fai, se xa un décimo da lotería custa 20 euros?». «Con esas medidas, se a marea chega ó Grove, aquí ou morremos todos de fame ou comémonos os uns ós outros». «Non te preocupes, que o conselleiro vainos traer turrón para as navidades... Que o coma el, que ós mariñeiros non é o que nos preocupa». O que lles preocupa é o futuro se entra a mancha. «Teremos que andar todos nos barcos de recreo dicindo: aquí había bateas, alí había berberechos...». Ronda de mariscadas O malestar coa administración, tanto central coma autonómica, é máis que evidente. «Se fose que o petróleo iba cheghar ó Concello, entón xa tiñan aquí tanques e de todo», auguraban uns. Anque todos siguen mantendo a esperanza de que os ventos sigan a soprar ó seu favor. Para entón vaticinan que López Veiga tomará medidas. «Seguro que o conselleiro, para promocionar o marisco galego, vai facer unha ronda de mariscadas pola costa. ¿Non foi o que fixo Cañete coas vacas locas?». E se a sorte non acompaña, «xa virá Fraga coas mans cheas de cartos... Será que non son cartos dos impostos, debeu vender o seu chalé para axudarnos».