La Voz de Galicia

A vida e obra de Castelao transfórmanse nun cómic

Cultura

Adrián García Seoane Redacción / la voz
Portada de «Máis alá!», terceiro tomo da serie «Castelao integral».

O volume recompilatorio «Castelao integral» reúne catro tomos sobre a biografía do escritor, autoría de Inacio Vilariño e Iván Suárez 

05 Dec 2025. Actualizado a las 05:00 h.

A Komic Librería de Santiago, a primeira de Galicia especializada en banda deseñada, converterase este venres ás 18.00 horas nun espazo no que recordar a unha das grandes figuras da cultura galega: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Co gallo do 75.º aniversario do seu pasamento, a libraría acollerá a presentación de Castelao integral (Demo editorial), un volume que recompila a serie de catro títulos de banda deseñada sobre a vida e obra do escritor e político rianxeiro, creación de Inacio Vilariño (guión) e Iván Suárez (debuxo), que presidirán o acto xunto ao editor e ilustrador Manel Cráneo.

Esta nova reedición, composta polos tomos O pobre tolo, Titoán, Máis alá! e Atila, e que contou co apoio da Deputación da Coruña para a súa publicación, preséntase nunha edición de luxo encadernada en tapa dura coas cubertas impresas en tinta ouro e prata. Limitada a só 500 exemplares, é esta unha peza imprescindible para coñecer polo miúdo a personalidade dun dos maiores defensores da cultura e a lingua galegas.

«É un percorrido biográfico pola vida de Castelao que vai sempre acompañado dunha certa reflexión sobre o seu proceso creativo, xa fora á hora de escribir un ensaio ou un conto ou de facer un debuxo», explica Inacio Vilariño. Por iso, o cómic aborda algunhas das vivencias clave que moldearon o pensamento e a obra do autor de Sempre en Galiza. «En Titoán, por exemplo, exploramos quen era realmente o personaxe de Peito de Lobo que aparece en Retrincos e que, parece ser, estaba inspirado nun veciño de Castelao», sinala Vilariño.

Por outra banda, en O pobre tolo os autores levan ao escritor ata o seu desterro en Badaxoz, acaecido en 1934 debido a súa actividade política. Nesa sorte de exilio interior, Castelao coñecerá a outros galegos afincados en Estremadura e, nunha viaxe a Portugal, adquirirá un exemplar da obra O pobre tolo, de Teixeira de Pascoaes, o cal marcará esta importante etapa da súa vida. Na terceira entrega, Máis alá!, volvemos atrás no tempo ata situarnos en 1921, ano que marcou a estadía de Castelao en París. Os seus percorridos polos museos da capital francesa servirán de escusa para coñecer a súa opinión sobre as artes e os movementos de vangarda que estaban agromando naquel intre. E no último tomo, Atila, o fío condutor será a entrevista que o escritor lle concederá á xornalista e dramaturga Magda Donat.

Todo isto, por suposto, vén acompañado polas minuciosas ilustracións de Iván Suárez, quen foi merecedor do Premio Castelao de Banda Deseñada 2011 polo seu traballo en Titóan.


Comentar