O campo é o que ten, e se por enriba non é dun...
Vimianzo
«Memorias dun neno labrego» comezou a súa xira por Vimianzo: así foi a representación
02 Feb 2026. Actualizado a las 05:00 h.
Logo de vender todo no Salón Teatro, Balbino sae agora de xira para seguir espallando por Galicia esas memorias que tantos e tantas senten como propias.
Vimianzo foi a primeira parada, e tal foi a cantidade de público que se achegou ata o auditorio, que a función comezou quince minutos máis tarde da hora prevista para conseguir colocar a tódolos asistentes nos seus asentos.
Mesmo 65 anos despois de terse publicado, a obra universal de Neira Vilas semella fresca, actual, contemporánea. Diferenzas de clase, prexuízos co que é diferente, o escasas que son as boas amizades, a mala sorte que se ceba co pobre, a falla de recursos no rural... «O campo é o que ten, e se por enriba non é dun...».
Difícil botar esa hora e corenta e cinco minutos que dura a obra sen sentirse identificado, cando menos, unha soa vez. A peza flúe coa presenza case permanente de Xúlio Abonjo —ás veces Balbino neno, ás veces Balbino adulto, ás veces pai— e cun elenco que non suma, senón que multiplica. Un decorado sinxelo, pero funcional. Unha música que enxalza. Unha narración que comprace aos amantes da peza escrita.
Mais se a Balbina de Soneira que subscribe ha poñer un pero, será co aspecto lingüístico. Construír a peza nun perfecto galego normativo é unha elección estilística totalmente válida, mais en certo modo disonante dada a época, a historia e o lugar.
Non obstante, o público vimiancés valorouna cunha sonora ovación. O día 21, nova oportunidade para gozar da obra, desta banda en Carballo.