La Voz de Galicia

Calor de aldea

Carballo

Patricia Blanco Carballo / La Voz

05 Nov 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Nos tempos de crianza que a min me tocaron (felices), a aldea era un territorio compartido e o asfalto só marcaba un límite, non pasar de certo cruce porque aí os coches xa tiñan máis peso que os humanos. As casas dos veciños adoitaban estar abertas, chegaba con entrar e dicir un «epa» para saberse xa dentro. Onde había bocadillo para un sempre había algo para o outro e os nenos tiñamos entretementos compartidos de par dos maiores que, nos manuais de hoxe en día, figurarían con algún nome estranxeiro.

Apañar as patacas, debullar as espigas de millo, termar do lume, ir coas vacas... Era un mundo onde non había hostilidade para o neno, nin se falaba de tempo de calidade (só había tempo), porque en certo modo aqueles veciños todos si que eran unha tribu. A mestra da nosa unitaria recollíanos no seu coche e levábanos á escola, devolvéndonos despois da xornada ao fogar. Hoxe, para iso, farían falta dez instancias, permisos de Administracións varias e, sobre todo, moitas doses de confianza. Outros tempos.

Todo isto non era ningún parque temático, nin ningún centro coa filosofía educativa máis moderna, era unha aldea (Galicia profunda, se queren) onde ademais de verzas tamén medraban valores. Non sei como será esa cidade cosmopolita que tan de moda está ultimamente e non podo xulgar, por iso tampouco vou presumir que alí, onde os mundos se fan máis ben por cadrados (o piso, a escola...), son menos felices. Nas aldeas, os nenos son abrazados pola súa tribo, e por iso non precisan, cando xa son adultos, queimalas para sentir a súa calor (isto vén dun proverbio africano, non é meu). Mágoa que si haxa quen teña que vir quentarse a elas.


Comentar