La Voz de Galicia

Tempos creativos con Rosalía Fernández: de «Entre donas» ao FIOT Fónico

Carballo

Carballo / La Voz
Rosalía Fernández, na Praza dos Libros carballesa, antes da pandemia

Varios son os proxectos que ten entre mans esta carballesa-muxiá, algúns deles ben innovadores

04 Oct 2020. Actualizado a las 05:00 h.

A carballesa-muxiá Rosalía Fernández Rial está a vivir tempos ben activos. Non hai moito que saía á rúa a súa obra Árbores no deserto, cando xa chega unha nova, desta volta colectiva, Entre donas. «Alegría! Entre Donas xa se materializou como libro neste contexto distópico que nos rodea. É un pracer e unha honra que a voz dos meus personaxes femininos se mesture coa de autoras que tanto aprecio e admiro», anunciou ela mesma vía redes. O libro (Baía Edicións) chegará o día 8 deste mes ás librarías e, de par de Fernández, figuran as seguintes firmas: Marilar Aleixandre, tamén voi vinculada á Costa da Morte, Marica Campo, Inma López Silva, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez.

FIOT Fónico

Non quedan aí os últimos proxectos de Rosalía. Dun tempo a esta parte viña traballando nunha iniciativa «fascinante» que se deu a coñecer nas últimas semanas. Trátase de A lúa, válvula de spray, una obra da súa autoría que estreará o novidoso espazo FIOT Fónico, do FIOT carballés. Producida polo festival e polo Laboratorio de Investigacións en Innovación Social e Cultural Sostible (Lidiss), conta a historia de tres mozos que viven as súas paixóns, soños e medos nas rúas de Carballo. A ficción sonora permitirá unha viaxe por diversos murais de arte urbano da localidade, onde se poderán escoitar as seis escenas que integran a obra. Dirixe a peza Quico Cadaval e interprétana Santi Romay, Melania Cruz e María Roja. A partir de mañá mesmo poderán reservarse as entradas, enviando unha mensaxe de Whatsapp ao 604 008 235. A estrea será o día 9, con dúas sesións ás 18.00 e 20.00 horas. Volverá a repetirse o día 10, ás 13.00; así como o 11, 16 e 17, ás 19.00; e o 18, ás 13.00. O punto de inicio será o Fórum. Móbil, teatro sonoro e Carballo: son os tres eixos.


Comentar