O libro, ese «alimento» da alma
Carballo
Na xornada inaugural da feira de Carballo, Quico Cadaval apostou con humor pola compra de obras literarias
28 Aug 2009. Actualizado a las 02:00 h.
O xardín municipal de Carballo semellaban onte non xa só estar de festa, senón mesmo de romaría. Xoves, día de mercado en Carballo. Reclamo fundamental da praza do Concello cada semana, pero ao que onte se engadiu unha feira máis, a dos libros. Unha mestura de recendos, entre os produtos hortícolas, as flores e mesmo os churros. Nesa xornada inaugural axudou en moito a convivencia de espazos. As sete casetas de librarías instaladas, ademais da do Rei Zentolo e a da Mesa pola Normalización Lingüística, abriron a súa Praza dos Libros do mellor xeito posible.
Achegábanse moitos, preguntaban, comentaban e, con bastante frecuencia, mercaban. No medio, a ciclobiblioteca de Anxo Moure, a medio camiño entre transporte, ilusión, literatura e, sobre todo, entretemento para os máis pequenos. Como non, comentaban os libreiros, a novela segue a trunfar. «Estamos empezando, pero xa houbo bastante afluencia, tamén axudada pola feira», explicaba Pepe Díaz Pouco, da Couceiro. Ánxo Sánchez, no posto da Mesa pola pola Normalización Lingüística, á fronte de chapas e camisetas do máis orixinais, valoraba moi positivamente a iniciativa do Concello.
Á unha, coma nas romarías, chegou o momento central: a inauguración. Non era unha misa, é certo, aínda o acto tiña os mellores protagonistas: Belén Lendoiro, concelleira de Cultura; José Antonio Viña, alcalde en funcións e, sobre todo, o pregoeiro, Quico Cadaval.
Lendoiro comezou parafraseando a Docampo: «A lectura é un traxe que lle senta ben á alma, que a fai máis fermosa». Á par desta face dos libros situou a económica, o eido que xera industria e comercio: a venda de libros que, en definitiva, é un dos obxectivos centrais da Praza. Trátase, dixo, dun troco: o comprador leva consigo riqueza material e espiritual.
As utilidades das obras
Seguiulle un afónico José Antonio Viña, quen desta volta non falou de vestimenta, senón de manxar, para referise ao libro: «Alimenta non só o corpo, senón tamén a mente. O xardín municipal énchese do mellor da nosa terra, ata aquí achégase a cidadanía para mercar o produto cultural por excelencia». Mestura de palabras e historias escritas, de contos e fantasías chegan a Carballo da man dos libreiros e dos autores -da comarca e arredores-, a quen Viña lles agradeceu o seu labor.
Porque o traballan moito: a Costa da Morte é fonte de bos escritores. «Luminaria cultural do occidente» foron as palabras de Cadaval para referirse a Carballo. Nun pregón cargado de risas, pasou polos tempos nos que a lectura non estaba moi ben vista, por algunha porta do inferno e por moitas anécdotas que, en troques, tiñan un fondo ben serio: «É misión dos maiores informarlles aos máis pequenos das utilidades dun libro, un alimento, si, pero cada un ten que ler o que máis lle aproveite, tampouco hai por que acabar todo o do prato, nin empacharse», sentenciou. «Un libro adquirido polos teus propios medios dá moitos dereitos, a dalo, a recomendalo, a enfadarse e a reconciliarse con el e mesmo pode ensinar a andar con elegancia». Finalizou a súa intervención precisamente así, saíndo polo medio da xente cun libro na cabeza. E sen caerlle. Con humor e bo tipo.