La Voz de Galicia

Os programas esotéricos recuperan a Casa do Demo

Carballo

Marta Valiña carballo

Reportaxe | Historias do século XIX Os expertos en casos paranormais aseguran que o primeiro caso «poltergeits» documentado en España ocorreu nunha vivenda da aldea pontecesana de Anllóns

13 Jan 2007. Actualizado a las 06:00 h.

Os televidentes que o pasado martes de madrugada non podían durmir e deron co programa da TVG Antes do Silencio , seguro que se sorprenderon ao descubrir que o primeiro caso de fenómenos poltergeits documentado en toda España aconteceu na aldea pontecesana de Anllóns a finais do século XIX. Foi na aínda hoxe coñecida coma Casa do Demo, unha pequena vivenda que está sendo restaurada por un biólogo coruñés para facer dela unha casa de turismo rural na que confía que non volvan a repetirse os sucesos de 1899. Aquel ano, tal e como recolle o etnógrafo e escritor José María Castroviejo no seu libro El pálido visitante -recentemente reeditado pola Biblioteca Gallega de La Voz de Galicia-, Xuliana Rodríguez e a súa neta María Cundíns foron as protagonistas duns feitos a día de hoxe sen explicación. Segundo escribiu Castroviejo, a finais de novembro do 1899 e tal e como relatou o presbítero Ricardo Sánchez Varela, o entonces arcebispo de Santiago, o cardeal Martín de Herrera mandou estudar o que pasaba en Anllóns. «Relata el párroco que Juliana había acudido a la rectoral, en estado de gran angustia, para pedirle remedio para las extrañas molestias que el diablo le causaba; éstas consistían, entre otras lamentables picardías, en revolverle el fuego y los muebles de la casa, tirarle de los pelos, escupirle en la ropa, ensuciarle la harina, dejarle vacíos los huevos...», conta El pálido visitante . Testemuñas do que alí acontecía foron tamén o farmacéutico de Ponteceso, Severiano Mesías e o xuíz municipal, o señor Mosquera, que comprobaron como voaban as pedras dentro da casa ou as patacas movíanse soas ata formar pirámides. Todo acabou, explica Castroviejo cando a vella Xuliana morreu, «a los pocos años», e a súa neta «puso mar de por medio» e emigrou a América. Hoxe, aseguran os poucos veciños de Anllóns que coñecen a historia xa non se viven experiencias paranormais na Casa do Demo, pero quen sabe o que pode ocorrer no futuro.?


Comentar