Máis de 300 veciños de Cabana asistiron o martes pola noite á proxección da película de Carlos Iglesias, Un franco, 14 pesetas , que conta con humor e tenrura a historia da emigración a Suíza nos anos sesenta. Alí estivo tamén unha das protagonistas da cinta, a actriz Isabel Blanco, que se reencontrou con moitos vellos amigos.
-¿Que sentiu ao ler o guión por primeira vez?
-Lino hai casi cinco anos porque Carlos Iglesias, que non sabía que eu era actriz, quería que lle botase unha ollada e que lle dese a miña opinión como filla de emigrantes retornados, e propúxenlle algúns cambios.? -¿Como é a película?
-Para quen sabe o que é a emigración e para quen aínda non o sabe, é unha película fantástica. As cartas que nos chegan da xente que xa a viu son todas moi emocionantes e poñen un nó na garganta.
-¿Cal é o seu papel?
-Eu encarno a unha suíza, ese tipo de muller á que de pequena observaba e analizaba. Foi un regalo de papel.
-¿Como eran eses suízos dos anos sesenta?
-Ao principio eran un pouco desconfiados, pero era normal, porque a eles tamén lles tocou un papel duro. Imaxina como nos sentiriamos nós se nos chegasen miles de homes morenos e baixiños que á mínima sacan unha bota de viño para celebrar algo. Para unha sociedade tan avanzada como a suíza iso era moi chocante. Era unha poboación moi envellecida e aceptaban a man de obra, pero con receo. Por iso, polos meus pais e a xente que emigraba, sentían unha especie de desprezo e desconfianza. Pero co tempo, os españois comezaron a gañarse o respecto e o cariño dos suízos, que nunca comprenderon porque retornamos case todos. Ao final estaban moi a gusto con nós e sentíronse abandonados.
-¿Como se sentiu na proxección que se fixo en Cabana?
-Fíxome moitísima ilusión, porque de toda a zona de Bergantiños e da Costa da Morte moitísima xente foi para Suíza. A emigración arramplou con todo e moita xente da que viu a película en Cabana sentiuse, coma min, moi identificada. Un franco, 14 pesetas toca todos os paus, situacións tristes e, sobre todo, alegres e cómicas, como cando os emigrantes atopan cousas que nunca viran na vida. Moitas avoas volveron a o cine por primeira vez despois de 50 anos e atopeime a moitos amigos dos meus pais, cos que coincidiron en Suíza.