La Voz de Galicia

De copas no parque natural

Carballo

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

RADIOGRAFÍAS | O |

29 Jul 2004. Actualizado a las 07:00 h.

ONTE SUBIMOS ao miradoiro da Curota, na Pobra do Caramiñal, para ver dende o alto a ría de Arousa. Dende os seus algo máis de cincocentos metros pódese observar coma nunha certeira fotografía O Salnés, a zona arousana, Boiro, O Caramiñal, Ribeira... No medio, coma un salvavidas, A Illa. Para o outro lado adivíñanse, vense moi ao lonxe, as nobres terras fisterrás; detrás, calada e abrupta, a serra do Barbanza. O miradoiro, ao que se accede por unha estrada un tanto vertixinosa, estaba cheo de coches con turistas de todas as nacionalidades. No petouto máis elevado, contrastando coa beleza case idílica das panorámicas, o de sempre: «Yoli te quiero» e outras gravacións paleolíticas nas rochas. Un pouco máis a un lado, no medio do magnífico parque natural, un panel anuncia «vinos y tapas». E alí está, rodeado da nada, un furancho para turistas. O viaxeiro pode parar a mandarlle uns chiquitos, xogar un subastado, cantar en copas e descender a montaña vendo a ría de Arousa por triplicado, logo de darlle toda a tarde ao juarisnais (que é como os de Ribeira lle chaman á combinación de líquido escocés con cola). A idiosincrasia destroyer non é patrimonio da Costa da Morte.


Comentar