La Voz de Galicia

Perspectivas

Carballo

ANTONIO D. AMOR

O ESPREMEDOR | O |

08 Jul 2004. Actualizado a las 07:00 h.

¿PREGUNTÁRONSE VOSTEDES algunha vez cal é o fin dun estudante? Se a resposta é aprobar, medios tales como levar chuletas, copiar, dar o cambiazo ou agasallar ao profesor cun xamón poden ser apropiados para acadar dito fin, pero ¿é este o obxectivo verdadeiro? ¿Non será máis ben o de aprender? Entón, estes métodos expostos anteriormente non serían válidos. Suscito esta cuestión porque ás veces preocupámonos exclusivamente dos medios, dando os fins por incuestionables e isto pode levarnos a cometer graves erros, como parece que fixeron os responsables da organización da Festa da Troita e o seu cartel anunciador, dando moito que falar e non precisamente pola súa categoría estética, senón polas connotacións éticas que se derivan da utilización dun corpo feminino para anunciar algo que non ten nada que ver co publicitado. Se o fin da propaganda é que o consumidor se fixe no producto, ese fin conseguírono con creces, de Carballo a Fisterra se está a falar da Festa da Troita de Baio e se escoitan frases do tipo «a río revolto ganancia de pescadores», «somos xente civilizada e non chegou o sangue ao río», «non é para tanto, se te fixas un pouco hai carteis moito peores», «é indignante que se utilice á muller deste xeito», «menos mal que non é a festa da parrocha»..., pero o certo é que baixan revoltas as augas do río Grande e gustaríame que a festa non se resentise do erro de deixarse levar pola racionalidade instrumental e a ideoloxía consumista. Refírome á razón instrumental para distinguila da racionalidade dos fins e dos valores; é máis importante preguntarse que fin debe ser perseguido e que valor debe ser apreciado para conseguir este fin de poñer todo o empeño nos medios esquecéndose da verdadeira finalidade. Esteticamente o cartel é infame e éticamente considéroo reprobable e non me estraña que se erguesen moitas voces protestando, pero o problema tamén ten a súa perspectiva positiva pois se, como expuña Talcott Parsons, o conflicto é importante como motor de cambio para que a sociedade avance, o mesmo cartel está a servir como catalizador na nosa bisbarra espertando conciencias durmidas e suxerindo respostas dialóxicas sobre o conflicto de sexos, algo que non podemos esquecer. Nacemos machos e femias, pero é a sociedade a que nos converte en homes e mulleres por construcción social reforzando ou inhibindo comportamentos, e non debemos permitir que algo tan próximo a nós como é a publicidade cimente a dicotomía sexista. Coñecendo como coñezo aos promotores da festa, sei que non había ninguna dobre intención cando deseñaron o cartel e aplaudo o ánimo que parece ser teñen de retiralo. Din que rectificar é de sabios e por iso eu irei á Festa da Troita. Pero, tamén teño que dicilo, máis de sabios é pensar antes de facer as cousas.


Comentar