Un esperpento
Barbanza
31 Oct 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Cóntanos a crónica da primeira páxina de La Voz de Barbanza do martes da semana pasada que La falta de personal impide a varios concellos presentar los presupuestos, engadindo o espazo Sálvora: «Los trabajadores que tienen deben destinar la mayor parte de su tiempo a la burocracia y el papeleo que exige el Gobierno central». Pois ben, dándolle a razón a todos, discrepo, xa que o quid desta cuestión non é, nin debe ser, tan simplista, senón froito da infausta Lei 7/1985, Reguladora das Bases de Réxime Local promulgada nos tempos en que Felipe González gobernaba con maioría absolutista e que desmantelou, de facto, o Corpo Nacional (de España) de Secretarios, Interventores e Depositarios (hoxe Tesoureiros), algo que foi moi do agrado dos alcaldes e concelleiros, progresistas e conservadores, daqueles tempos e dos de agora.
É certo, como di a crónica citada, que os concellos están sumamente controlados, pero os resultados da Lei Orgánica 2/2012, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira e concordantes, executados polo «perverso» Montoro, non deixa lugar a dúbidas. Os concellos van reconducindo as súas pantomímicas contas dos tempos en que se dilapidaba con pólvora do rei.
Pois ben, se así se houbese feito coas autonomías, o que no futuro debería facerse, nestes intres non estariamos asistindo a unha das traxicomedias máis esperpénticas que nin o gran Valle-Inclán sería quen de escribir: o procés catalán. É unha vergoña que o Estado tivese que capitular na aplicación do artigo 155 da CE por non ter o control dos Mossos. ¿Servirá de escarmento?.