Carnota e a arquitectura do pan
Barbanza
As primeiras xornadas da cultura tradicional están adicadas ós hórreos dos municipios da Costa da Morte Era o filósofo Xoán Vicente Viqueira quen expresaba o desexo de converter a Galicia dun arrabal nun centro, facer que tivera vida propia, que chegase a ser unha lumarada espirutual acesa. Ese mesmo desexo e co mesmo dereito é o que queren expresar hoxe os veciños de Carnota. A celebración das primeiras xornadas da cultura tradicional, adicadas nesta primeira convocatoria ó hórreo e á cultura do pan, obedecen a esa arela. O hórreo é o elemento simbólico máis importante do concello de Carnota, por iso foi elixido para protagonizar estas primeiras xornadas, que nacen con vocación de futuro.
22 Jun 2000. Actualizado a las 07:00 h.
A proposta non ten como obxectivo unicamente falar durante tres días sobre ese elemento de maneira particular, nin tampouco centrar o debate sobre este patrimonio que Carnota comparte con todos os concellos próximos, sexan Noia, Outes, Muros, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión ou Fisterra; ou aínda con aqueles que máis ó norte, completan ese territorio único que é a Costa da Morte. A pretensión é a de, utilizando o hórreo como elemento central, reflexionar e discutir sobre a función do patrimonio herdado, aínda que nalgún caso toda esa arquitectura popular e utilitaria perdese xa a súa función, sobre como salvagardar e dar uso a ese patrimonio que forma parte esencial de nós e que temos a obriga de donar ós nosos fillos. É nesa proposta de reflexión onde Carnota pretende converterse en centro sequera por uns días, reclamando o dereito de que tamén nos lugares relativamente alonxados das cidades e dos centros establecidos, é posible convocar e celebrar acontecementos que sitúen a aqueles territorios que souberon conservar unha parte importante de si mesmos, en centro. Estas xornadas nacen dunha particular preocupación por parte dun grupo de veciños conscientes de que estamos a vivir un período de cambio, de que cada día que pasa perdemos patrimonio, sexa material ou espiritual. Inventario de cabeceiras Eles afrontaron o reto de inventariar a totalidade das cabeceiras do concello, sabendo que cada exemplar é un monumento en si mesmo, e que se Carnota conta con dous dos hórreos máis sigulares de Galicia, o número deste tipo de construccións asociadas normalmente á casa incrementa de maneira notable os valores que Carnota pode ofrecer. Máis de oitocentas cabeceiras censadas e fotografiadas, é dato suficiente como para non dubidar desta afirmación. Todo o esforzo de organización, todas as horas das fins de semana sacrificadas, deben ser recoñecidas, e así resulta obrigado mencionar a Abelardo de Guillermina, Pedro da Rubita, Pedro de Leopoldo, Otero, Joaquín Maceiras, Juan Manuel Saborido, Manolo de Ciprián, baixo a dirección de Rogelio Saborido, que é tamén o presidente da Asociación Cultural Canle, responsable das xornadas. Xunto a eles, o eficaz traballo de Pilar Ovies, fará posible que Carnota poida soñar. Benvidos a todos, sexan ponentes ou participantes nestas xornadas, xentes chegadas de lugares de Asturias, de Portugal, ou mesmo das illas Baleares. Carnota, en realidade toda Galicia, lles ofrece a súa hospitalidade.