A polémica que está traendo a decisión de construír a depuradora en Laxe de Rons estalle supoñendo a José Antonio Cacabelos o seu peor trago desde que é alcalde. Síntese contra as cordas, pola presión veciñal exercida desde Virxe das Mareas e tamén polos condicionantes políticos, pois na coalición de goberno causou certa tensión aprobar ou non o anteproxecto en pleno.
-¿Estes días están sendo quizais os máis duros do mandato?
-Estase personalizando moito na miña figura. Son consciente de que se un se mete en política é para estar ás duras e ás maduras. Pero non me canso de dicir que a decisión adoptada está avalada por informes técnicos e que o que facemos é por responsabilidade.
-O principal reproche que lle fan é o de que incluíu este asunto no pleno pola porta de atrás.
-A falta de información xera incertidumes e medos. Eu sempre lles dixen aos veciños que ata que que tivera toda a información na man e o anteproxecto fora aceptado por Augas de Galicia non era pertinente presentalo. O que me sorprende é que moita xente, sen coñecelo, valore esta opción como mala.
-Os grupos da oposición tamén se queixan de falta de información.
-O luns (polo pleno de mañá) só se vai votar un anteproxecto o cal significa que hai un compromiso do Grove e que se lle da unha garantía a Augas de Galicia para que poida pechar o orzamento -este departamento ten previsto investir máis de 8 millóns de euros nesta actuación-. É un puro trámite. Logo aínda veñen os prazos de exposicións, alegacións e concesión de permisos...
-¿Cree que hai motivacións políticas detrás desta controversia?
-Vou apostar porque non haxa eses movementos políticos e apelo á responsabilidade dos partidos, aínda que cada vez se me fai máis difícil valorar algunhas opinións.
-Independentemente de outras cuestións ¿Laxe de Rons é realmente a aposta definitiva do cuadripartito do Grove?
-Con estes avais, o goberno ten claro que esta é a mellor das decisións para O Grove e o goberno está apoiando unanimemente esta postura.
-¿Houbérase montado esta polémica de terse elixido outro lugar para a depuradora?
-As hipóteses non as valoro, eu traballo sobre feitos. O que chama a atención é que sen coñecer o proxecto do Corgo ninguén protestaba porque fora alí.