La Voz de Galicia

Querido gabinete

A Mariña

VICENTE MÍGUEZ

PLAZA PÚBLICA | O |

24 Feb 2007. Actualizado a las 06:00 h.

ANOITE soñei que volvía o Ostiaendike, Estercoendike, ou como se chame. Un pesadelo que me deixou mal o corpo, como unha náusea. Soñei que lanzara un S.O.S. ao norte da costa luguesa. Creábase un gabinete de crise, ao que altruistamente aceptabades pertencer, e coa sensibilidade que caracteriza ao técnico, considerabades primeiro a poboación máis cercana, a da Mariña. Acordastes desprazar o barco con carga NPK (Nunca Pidas Kaka triple 15) ao porto exterior de Ferrol, que para iso se invertiran milleiros de millóns, a ronsel do Prestixe; e barallastes abrigar o buque nas rías de Ares, Sada ou Ortigueira, todas elas moito máis grandes, con máis calado e abrigo cá de Viveiro. Sopesastes que para o día 20 prevíanse ventos oestes e noroestes (de molde para sulfatar Viveiro) e non íades desfilar no martes de Antroido coa carroza Casón, disfrazando as costas lucenses de vertedoiro de lixo e banco de probas de máis pestes. Pero, e aquí comeza o pesadelo, ante tan acertada decisión topastes cos darriba que en vez de Prior, priorizaron sacalo fóra da provincia coruñesa. "Sentidiiiño! Que para gañar ascensos hai que mollarse, que algún pode quedar fóra das listas e ¡alabí alabá alabíbombá! «Me gusta soñar, me gustas tú, me gusta la mar, me gustas tú, me gusta La Coruña», espertoume Manu Chao. E volvín á realidade: fixérades ao revés, ao dereito para vós. Desprazastes o barco máis de 60 millas dende Sisargas ata a boca da Ría de Viveiro, e sobre todo, preservastes á poboación costeira da provincia na que se orixinou o perigo. Noraboa, cracks, pola maniobra. Noraboa, pese a que as xentes da Mariña ándanvos humilladas de tanto asoballar, e falan de infamia e aldraxe. Pero nin caso, que saberán as xentes do mar de portos, rías, calados e ventos comparado cun gabinete tan servil e con tanto pupitre no cú! Noraboa, cracks, e ata outra singradura, xa sabedes onde estamos¿ para o que faga falta¿ Vicente Míguez é o secretario da asociación veciñal O Celeiriño .


Comentar