Un xantar romería no parque de Castrelos é o acto principal da programa do Día das Letras Galegas
Vigo
12 May 2009. Actualizado a las 11:51 h.
Un xantar romería no parque de Castrelos e a Festa das Letras son as dúas principais actividades que recolle a programación municipal para celebrar o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Ramón Piñeiro. «Para o BNG e para este goberno municipal a defensa da nosa cultura e, sobre todo, da nosa lingua é fundamental e sempre estará entre as nosas prioridades», subliñou Santiago Domínguez, durante a presentación da programación.
O tenente de alcalde salientou que a programación do Día das Letras Galegas «é completa e abarca actividades para todas as idades». Do conxunto do programa destacou a celebración do xantar romaría, a partir das 14.00 horas do 17 de maio. Pola súa banda, Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística, explicou que as persoas que queiran participar no xantar poden mercar a «Cesta das Letras», que ademais de diversas bebidas inclúen produtos típicos galegos como lacón, queixo de tetilla, chourizos galegos ou a ensaladilla rusa. Estas cestas, para catro e seis persoas, poderanse reservar no número de teléfono 986 810 218 de 9 a 14 horas antes do xoves. O prezo da cesta é de 56 euros para catro persoas e 84 euros para seis persoas.
Iolanda Veloso salientou que tras o xantar «celebraremos a Festa das Letras, con lecturas de textos, actividades para nenos con sesións de contacontos e o xogo dos Comeletras, xogos populares e obradoiros de música».
Poucas mulleres
A concelleira nacionalista subliñou que se queren «aproveitar para facer presentes as letras galegas en toda a cidade». Así, destacou que xa o sábado a programación inclúe a lectura de textos de autoras galegas relevantes en diferentes puntos da cidade, como O Calvario, a Praza da Independencia e o farol entre as rúas Príncipe e Colón de 11 a 13 horas. «Este ano quixemos lembrar que despois de tantos anos de celebración do Día das Letras Galegas só hai tres mulleres homenaxeadas, Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño», a edil.
O mesmo día 16 de maio, o programa tamén inclúe a proxección de O espírito do bosque , nos cines Yelmo do Centro Comercial Travesía, onde pouco antes estarán tamén Os Bolechas. As persoas interesadas poden recoller as invitacións no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo ou nos despachos de entradas do propio cine. Pola noite continúa a programación dirixida á mocidade cunha proposta musical a cargo de Bod da Rage Sense MC, de Angola, que revolucionou a escena do hiphop en Portugal, e o compositor de reggae en lingua galega Taru e os Paxaros coiro. As actuacións terán lugar ás 22 horas no Berbés.
Santiago Domínguez afirmou que «o galego non chega a ter o mesmo estatus que ten o castelán, aínda que é unha lingua oficial». Neste sentido indicou que o que o BNG reclama é que as dúas linguas teñan o mesmo estatus «e imos a ver que vai facer o novo goberno galego e se respecta á lei existente». «Nós reclamamos os dereitos do galego e dos galegofalantes», dixo.