La Voz de Galicia

«O formato por entregas esixe manter a tensión ó final de cada capítulo»

Vigo

Jorge Lamas vigo

Logo do éxito obtido con «Pensa nao», Anxo Angueira presenta «A morte de A.», unha novela de intriga que pretende ser unha homenaxe ó xénero do folletín

21 Feb 2003. Actualizado a las 06:00 h.

Anxo Angueira obtivo, hai tres anos, o Premio Xerais como recoñecemento ós valores da súa novela Pensa nao . Desde entón, no ano 1999, non volveu a publicar ata chegar a A morte de A. . -¿Síntese agora «presionado»? -Non sinto esa presión de estar no escaparate, de feito, xunto a esta novela tamén publico un libro de viaxes, Terra de Iria, viaxe ó país de Rosalía de Castro . -«A morte de A.» é unha homenaxe as novelas por entregas. -Si, foi concibida para ser publicada dese xeito. Foi un xénero moi divulgado no século XIX e que empregaron autores galegos do Rexurdimento e portugueses. A propia novela é unha homenaxe a Eça de Queiros e Ramalho Ortigal. É un formato bastante esixente para o autor porque, no final de cada capítulo, ten que haber certa tensión para que o lector estea pendente da seguinte publicación. Tentei conservar iso. -¿Que conta na novela? -Nunha primera parte, trátase dun momento evocado, se sitúa, en Padrón e Santiago, nos meses inmediatos á morte de Franco, e recolle aquel ambiente de loita política e clandestinidade, aínda que iso non é máis que unha ambientación. Nunha segunda parte, centrada no presente, e que é un contrapunto, a trama se desenvolve en Malta. É unha narración enchida de intriga, ideada como unas cartas sucesivas ó director dun xornal. Cada unha das 31 cartas, supón unha entrega. -En «Pensa nao» plantexaba un ambiente coral, ¿repite agora? -Non, aquí hai personaxes máis individualizados. De algún xeito, a novela retrata unha xeneración como a miña que non chegou á loita antifranquista por cuestión de idade. É unha xeneración a que se lle vendeu unha situación política xa resolta en moitos aspectos. A novela retrata, nunha das personaxes, esta carencia de protagonismo e esta condena á inanición que sofrimos moitos da nosa xeneración. Tamén é unha novela máis sinxela para ó lector que Pensa nao, na súa organización, no seu léxico máis simple. -¿Quen é A.? -Na literatura folletinesca utilizábase esta fórmula, as iniciais dos personaxes, para crear expectación e misterio. -Vostede empregou diferentes xéneros literarios, ¿ten preferencia por algún? -Non, dependendo do que queres contar, hai xéneros que se adaptan mellor que outros, pero eu áchome a gusto en calquer xénero, mesmo neste libro de viaxes. Primeiro está o que tes que dicir e despóis o xénero.


Comentar