Un forzado da pluma
Televisión
22 Oct 2002. Actualizado a las 07:00 h.
De Antón Vilar Ponte (Viveiro 1881-A Coruña 1936) semella difícil destacar calquera das súas múltiples facetas. Quizais a que o caracteriza é a xornalística, pois chegou a mudar a cómoda profesión de boticario para converterse nun forzado da pluma, como el se definiu. Internouse nela a través do semanario xerminalista Nueva Brisa (Viveiro 1899). Durante a súa estadía en Foz (1901-1906) como boticario, escribirá A patria do labrego , en 1905. Continuará a súa afección xornalística animando a curiosa tertulia formada por Noriega Varela, Camilo Cela e Juan Cueto, entre outros, e publicando os semanarios satírico-humorísticos El automóvil (1903) e ¡Guau... Guau! (1906). Nestes anos enviará colaboracións á prensa viveiresa e luguesa, así como Ós xornais republicano-federais da Coruña El Esclavo , Tierra Gallega e El Combate . Logo da fundación en Viveiro de Germinal e dunha curta estadía na redacción madrileña de El País , emigrará a Cuba en maio de 1908. Alí dirixirá o Diario español e as revistas Follas Novas e Alma Gallega; colaborando en xornais como El Comercio de Camagüey e El Tiempo, entre outros . De volta a Galicia, a principios de 1910, foi correspondente de xornais cubanos e colaborador de La Voz de Galicia, á que enviou artigos dende Portugal, con motivo da Revolución de Outubro. En marzo de 1912 entra na redacción de La Voz, dende onde lanzará, en maio de 1916, unha campaña de prensa a prol do que serían as Irmandades da Fala. En adiante, o Vilar Ponte nacionalista desenvolverá un xornalismo ideolóxico que terá como obxectivo a popularización do galeguismo, principalmente dende A Nosa Terra (1916-1921) e El Noroeste (1918). Pasada a dictadura (1924-1929), intensifica o seu labor por medio dos xornais Galicia e El Pueblo Gallego de Vigo, fundado a ORGA con Casares Quiroga. Coa II República sairá elixido deputado pola Coruña (1931), e defenderá a autonomía de Galicia. Como decaen os contidos autonomistas, ingresa no Partido Galeguista en 1934.