La Voz de Galicia

Antecedentes

Sociedad

María Reimóndez

Capítulo XXVI da obra «A dúbida», de María Reimóndez, gañadora do premio outorgado por La Voz. Le aquí os capítulos anteriores

26 Aug 2014. Actualizado a las 07:00 h.

A inspectora Díaz viñera buscala ao hotel a media mañá.

-Pódeme chamar Marga -dixéralle.

Deli nin durmira no tren nin dera descansado ao chegar. Sentíase esgotada mais sumamente alerta. Diante dun café ben cargado resúmelle á inspectora todo o acontecido. Ela vai asentindo, levantando as cellas ou simplemente observando mentres o relato avanza.

-A agulla no palleiro -di como conclusión.

-Mais teño que tentalo -Deli nota a desesperación unha vez máis.

-Claro que hai que tentalo. Iso que non quede.

-O caso é como?

-A ver, temos dúas vías complementarias. A primeira é ir aos centros de acollida e ver se algunha das menores recoñece a Vicente, aínda que as mozas que están aí adoitan ser adolescentes e non nenas de curta idade, os procesos neses casos son diferentes, obviamente, e interveñen familias de acollida. A outra é ir ás zonas de prostitución directamente, se ben o problema vai ser o mesmo. En calquera dos dous casos é mellor que vaia vostede con algunha das ONGs que traballan nestas zonas. Ir cunha policía non creo que lle vaia abrir moitas portas e o importante é que as mozas falen.

-Quere dicir que hai menores prostituíndose e a policía non fai nada?

Marga mirou para Deli como se acabase de nacer, faltoulle botar unha gargallada. Deli sentiuse incómoda coa súa propia estupidez pero non puidera evitar a pregunta.

-Créame, encantaríame poder facer algo. Mais nós precisamos denuncias, procedementos... Esa leria. No caso das menores a situación é aínda moito máis complexa. En idades adolescentes moitas destas mozas escapan dos pisos de acollida, outras simplemente están presas. E no caso de nenas máis pequenas resulta case imposible chegar a elas. Polo que a min respecta, o día que lles poida romper os dentes aos tíos que andan por aí, empezando cos meus propios compañeiros, terei moito avanzado.

Deli non pode evitar murmurar.

-Pero son nenas?

-Mire, Deli, antes de que me trasladasen xusto me encarguei dun caso no que puidemos liberar unha menor que estaba retida nun club de Padrón, tíñana como escrava sexual. O club, por certo, segue aberto e está precisamente na parroquia da Escravitude. Só demos con ela porque lle deron tal malleira que a atoparon en Compostela pola rúa, fuxindo cara a ningures. Aquí directamente aparecen mortas, cadáveres que non se contabilizan, sen identificar, sen integrarse en ningunha lista. E o peor de todo é que os cabróns eses de Padrón quedaron en liberdade porque as probas nunca son suficientes, porque os que violaron ata fartarse a esa nena que na altura tiña catorce anos son uns dignos clientes dun negocio, algúns deles, como por desgraza tivo vostede a oportunidade de comprobar en carne propia, respectables políticos e maridos. Perdoe que sexa tan brusca, sei que está horrorizada co comportamento do seu home pero non crea que é a excepción. Sinto ser tan negativa pero este traballo queima moito.

Deli non sabe se vai ser quen de continuar, todo semella insuperable.

-Deli, o que non é habitual é vostede -Marga sorrille-. A maioría da xente simplemente pasaría. É moito máis doado poñerse do lado do home, que ademais é o seu?

-Era -corrixe Deli.

-Exacto, era o seu. Iso é doado, apoiar o señor coñecido e respectado. Así que imos confiar en que os seus esforzos non serán en van.

A ela tamén lle gustaría confiar mais non ten as cousas claras. Como vai chegar a algures en tal mundo? Como vai ser quen de atopar algunha moza que poida identificar a Vicente? Hai demasiadas incógnitas nesta ecuación.


Comentar