Libreiros
Santa Comba
O FIADEIRO | O |
20 Mar 2004. Actualizado a las 06:00 h.
É UNHA profesión que admiro, polo seu labor tan necesario na nosa sociedade. Sexan os seus locais grandes ou pequenos, do rural ou das cidades, os libreiros gañan a vida vendendo esas fermosas ferramentas culturais que son os libros, amigos de certo. Nestes comentos salientamos hoxe os nomes de tres librerías e doutros tantos libreiros: Couceiro, da familia homónima; Pedreira, de Xosé Antón Pedreira -en Compostela- e San Cristovo-Ler, de Isabel Ares -en Santa Comba-. Son empresarios dinámicos, que orientan ós lectores e complementan os seus negocios con actividades culturais (edicións, mostras, presentacións de novidades, presencia nas Feiras do Libro, etcétera). Hai pouco, Pedreira e Ler quedaron entre as oito finalistas do Estado no premio Librero Cultural, convocado pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros. No escaparate da librería San Cristovo-Ler, en Santa Comba, exhibiuse recentemente unha mostra de libros antigos -séculos XVI ó XIX-, dende o barroco de Valdivieso ata a primeira edición dos Suspiros da Terra, do poeta xalleiro Pepe de Xan Baña. E Couceiro reeditou en facsímile un libro de Picadillo: Vigilia reservada. Minutas y recetas, do ano 1912.