O primeiro Concello galego que contou con plano de normalización lingüística foi Compostela, que o aprobou cando era concelleiro con responsabilidade na materia Manuel Portas. O segundo foi Ferrol, e a finais de abril do ano pasado asumiu esa iniciativa Burela. Este municipio da Mariña de Lugo presentou na Gentalha do Pichel o seu modelo, que ten unha estratexia diferenciada: Compostela e Ferrol promoven os usos só do galego, por partir de que se trata do idioma con maiores problemas; non obstante, Burela defende unha proposta trilingüe e, alén do galego, promociona outras dúas linguas internacionais, que son o español e o inglés.
O profesor Bernardo Penabade indicou que a proposta emerxeu no instituto de ensino medio Perdouro. «Inicialmente -afirma- pensamos en aproveitar a experiencia de intercambios escolares con Francia e despois reformulamos esa opción».
Unanimidade municipal
Desde o centro de ensino solicitaron apoio ao Concello e conseguiron «unha receptividade extraordinaria. Os concelleiros do PP, PSdG-PSOE e BNG aprobaron por unanimidade aquel proxecto, que respondía á realidade municipal, pois residen persoas de moitas nacionalidades e continentes», afirma.
Burela é un Concello economicamente puxante, a súa flota pesqueira fai del unha potencia neste sector, e atrae traballadores de países moi diferentes.
O modelo de planificación lingüística xa tivo algúns resultados que Penabade resalta como moi positivos: «cando comezou, das 1.500 lápidas do cemiterio parroquial só había 2 en galego, e agora son moitas máis. Tamén hai agora máis edificios xestionados en galego, e partíamos de só 8. Son exemplos de pequenos avances dun proxecto que se alicerza no sentido común: procuramos aplicar socialmente o que calquera familia quere para os seus fillos, comezar pola casa un traballo que favoreza o cosmopolitismo lingüístico».
A Igrexa Católica e o Guarda Civil entenderon e apoian este proxecto, que Penabade define como «exitoso pola unanimidade con que prospera». Agora difunden o xa conseguido nun documental, que dirixiu e realizou Matías Nicieza, quen tamén estivo no centro social de Santa Clara.