Magosto
Santiago
ANOS DE GRAZA
06 Nov 2004. Actualizado a las 06:00 h.
COS PRIMEIROS fríos do outono volveron ás rúas as castañas e os magostos. O certo é que esa idea de achegarse á locomotora fumegante para levar entre as mans un paquetiño quente está moi ben traída. ¡Quen me dera poder colocar ese cucurucho no colo en lugar desta caveira que tan aborrecida me ten! De toda a vida foi a venda das castañas oficio de mulleres que, en grande número, se repartían as rúas ata o punto de que o concello houbo de establecer un límite para que non se estorbaran unhas ás outras. Na Rúa Nova había tres postos: un na esquina co Cantón do Toural, outro frente o Salón Teatro e un máis diante do Principal. E así ocupaban Compostela inteira cando a cidade era moito máis pequena e caseque remataba na Senra. Sempre foi Galicia un país de boa castaña que nos ten sacado moita fame do corpo, sobre todo antes de que Colón fora facer as Américas traendo as patacas, pero en Santiago, nos anos que seguiron á Guerra Civil, consumíanse sobre todo as de Lalín e Chantada mercadas polas castañeiras no almacén de Tucha sito no Camiño Novo. Non era doado ser castañeira, pero había moita necesidade e á xente non lle quedaba máis aquel que traballar arreo. Cumpría un permiso do Concello e facerse cun caseto, que custaba dúas pesetas ó mes, e un braseiro (o costume era botar man dunha palangana vella, chea de area e cinza que se apañaba na lareira da casa), un asador, unha trepia para apoialo, a navalla pequena e ben afiada e carbón sen fume para que non se afumasen. O un de novembro era a data tradicional para empezar a vendelas, un día excepcional no que se cocían con pel a fin de confeccionar rosarios que se lle regalaban ós nenos. O resto do tempo vendíanse asadas e cocidas. Había que ter moita maña para beliscalas ben, cortando as dúas peles sen tocar a carne, logo botábanse a asar e remexíanse coas mans coidando de non estragalas. Ó carón das castañeira había un caixón con sabas e mantas vellas onde se ían depositando a medida que se asaban para que remataran de facerse no seu vapor e conservalas quentes. Os últimos clientes do día coincidían coa sesión nocturna do cine. A partir de aí pechábase o caseto e a castañeira ía para a casa a pelar máis castañas e a deixalas en auga con sal e co fiuncho que apañara na lúa de agosto. Ó mencer, cocíanse e, despois de escoarlle a auga, gardábanse nun pote de barro envolto en mantas e teas quentes, de maneira que a clase operaria puidese acompañar a parva cunha presada antes de empezar o labor. De antigo convocaron os magostos moito xuntoiro, principalmente de mocidade que se reunía arredor dos bullotes e do viño novo, sen faltar a animación de gaitas e pandeiros. Por vía de regra celebrábanse na véspera do día de Defuntos, por iso algún historiador como Murguía os considerou banquetes funerarios onde castaña e viño simbolizaban a vida e a morte. E falando de defuntos, non podo deixar de lembrar que o 12 de novembro do ano 1712 morría na súa casa do Pombal o grande arquitecto Domingo de Andrade, quen nos legou, entre outras marabillas, a torre do reloxio da catedral e a escaleira de caracol de Santo Domingo de Bonaval. No seu testamento dispuxo que o enterrasen ó pé da capela da Concepción, por pertencer a dita confraría, cuberto cunha lápida na que debaixo das letras debía figurar unha caveira con dous osos cruzados, pero, como era tan coidadoso, advertiu que non fosen de relevo para evitar que a xente puidese tropezar e mancarse. aldonzadepraterias@yahoo.es