La Voz de Galicia

Lisboa

Santiago

| ALDONZA |

ANOS DE GRAZA

30 Oct 2004. Actualizado a las 07:00 h.

CADA VEZ que o penso vólveme o susto ó corpo e tremo como unha vara verde. Foi na mañá do Día de Tódolos Santos de 1755. Arredor das nove e media, cos coengos sentados no coro escoitando a misa que ía polo Gloria, as lámpadas do altar comezaron a rebrincar e o chan abalaba. As persoas que asistían ó oficio asustáronse pero, vendo o aceno impasible do Cabido, tranquilizáronse algo. De tódolos xeitos, medo pasouse e decidiuse celebrar misa cantada con Te Deum polo claustro. Daquela as noticias tardaban un tantiño en chegar e ata uns días máis tarde non soubemos de certo que sucedera. Por iso nos apavoramos ó coñecer que viñamos de sufrir as consecuencias do grande terremoto que tivo á Lisboa por epicentro, destruíndoa. Malia que as ideas ilustradas se foran aclimatando en chan portugués, sobre todo desde que o seu embaixador en Viena, don Sebastiâo José de Carvalho, Marqués de Pombal, fora nomeado Secretario de Estado encarnando un modelo de Despotismo Ilustrado coñecido como dictadura pombaliana, a capital mantíñase aferrada a un pasado medieval do que nin o propio Rei conseguira rescatala. Porén, despois do tremor, todo o mundo pareceu perder a cabeza ó ver que o que fora opulencia se volvía penuria, só o Marqués se mantiña sereno e iniciaba de seguida a tarefa de reconstruír a cidade cun sentido racional, segundo os planos do capitán Eugénio dos Santos. Desenvolveu, cunha grande economía de medios, unha malla de rúas dereitas a unir o Rossío coa Praça do Comercio, notable polas proporcións, con predios de casas uniformes repetidos en serie que puñan fin ó estilo barroco no veciño país. Tamén en Andalucía o terremoto causou moita perda. En Sevilla empezou ós poucos, para axiña tomar tal forza que a cidade houbo esbarruarse. A torre da catedral dobrou tanto que moitos pensaron que caíra. Toda a xente se botou á rúa, mesmo o clero que vivía nos mosteiros, rompendo o voto de clausura. A Giralda resultou tan agretada que requeriu soficala con valos. Para que vos fagades unha idea, o concello hispalense contou trescentas trinta e tres casas caídas, máis catro mil que houbo que reforzar con puntóns. Os moradores das casas máis afectadas debían abandonalas so multa de cincocentos ducados e catro días de cárcere. O escombro tardou dous anos en desaparecer das rúas, prazo en que estivo prohibido o tráfico rodado para evitar vibracións (e iso que os cabalos eran de catro patas, non como agora). A reconstrución da cidade foi lenta pero, como no caso lisboeta, serviu para axeitala ó gusto do século, trazar novas rúas e adecentar os arredores. Cando en Compostela tivemos noticia de tanta desgraza allea, non puidemos por menos que louvar a Deus por saírnos tan ben librados. O Concello organizou unha novena á Virxe da Cerca e unha procesión. Os bandos convocaron ós cidadáns para que acudisen en trepetel e advertían ós gremios para que os seus membros comparecesen aseados e decentes, co cabelo á solta -non recollido con gorro ou rede- baixo pena de vinte ducados e un mes de cadea. As rúas de Compostela por onde desfilou o cortexo estaban limpas e aformosadas coas colgaduras que os veciños puñan nos corredores. Seis anos máis tarde rexistrouse outro sismo moito máis pequeno e sen ningunha consecuencia. Del xa vos teño falado pois orixinou un intercambio de trolas entre os concellos da Coruña e Santiago, atribuíndolle, os da capital da provincia, unha duración de tres minutos que pasaron a ser nove na réplica acordada polo noso consistorio. Xa daquela tiñamos moi a gala non deixarnos asoballar polos coruñeses. aldonzadepraterias@yahoo.es


Comentar